O Calvo Xiria Femenino estréase ante a aficción con vitoria

O Calvo Xiria Femenino estréase ante a aficción con vitoria

O Calvo Xiria feminino iniciou a competición ligueira o pasado sábado cun encontro na casa fronte ao Balonmán Sar Impernoroeste. A xornada serviu tamén para realizar a presentación oficial do equipo carballés ante a súa afección.

O comezo do partido estivo marcado pola intensidade defensiva, as rápidas transicións e o bo ritmo de xogo por parte de ambos os conxuntos. Nos primeiros compases, o equipo local conseguiu pequenas vantaxes grazas á súa capacidade para transformar as recuperacións defensivas en rápidas contras.

Porén, mediada a primeira metade, o conxunto visitante soubo reaccionar e atopou vías para facer dano á defensa carballesa mediante situacións de apertura do xogo e duelos individuais, especialmente nas zonas laterais. A pesar da reacción do Balonmán Sar B, o Calvo Xiria conseguiu manter unha pequena vantaxe ao descanso.

Tras o paso polos vestiarios, o equipo carballés deu un paso adiante e fixo valer unha das súas principais fortalezas: unha defensa activa que lle permitiu recuperar balóns e saír con velocidade ao contraataque. Esta dinámica permitiulle aumentar progresivamente a diferenza no marcador ata acadar vantaxes de dez goles.

Nos últimos minutos, os cambios defensivos e ofensivos introducidos polo equipo visitante permitiron reducir a distancia, ata establecer o resultado definitivo.

En definitiva, unha boa estrea do Calvo Xiria feminino ante a súa afección, nun encontro no que o equipo deixou mostras das súas fortalezas e no que buscará seguir medrando partido a partido, mellorando en todos os aspectos do xogo e consolidando a súa evolución ao longo da tempada.