O Goldie Xiria, cada vez, máis preto da vitoria

O pasado sábado, o Goldie Xiria afrontaba unha cita máis no Vila De Noia e nesta ocasión recibía ao BM. Lavadores de Vigo. A tarde comezaba cun emotivo momento e é que, as integrantes do equipo feminino e o corpo técnico, expresaban o apoio á xogadora Jessica que o vindeiro lúns terá que pasar polo quirófano, debido á rotura do ligamento cruzado anterior dun dos seus xeonllos. As integrantes do equipo, que saían ao parquet cunha camiseta coa lenda «Ánimo Jessi», quixeron deste xeito estar á beira da súa compañeira e mostrarlle o seu agarimo.
No referente ao encontro, diremos que as locais saíron moi frías e proba diso era o 1-6 que encaixaban nos primeiros compases, obrigando ao seu adestrador para solicitar o primeiro tempo morto do encontro. A partir deste momento, as bergantiñás comezaron a carburar e, indo de menos a máis, a medida que ían transcorrendo os minutos, íanse achegando ao seu rival. O maior ton defensivo era clave nesta recuperación e cando se chegaba ao tempo de descanso, as verdinegras situábanse a catro goles do seu rival (7-11). Terían moito que dicir as mozas do Goldie Xiria na segunda parte e é que a presión defensiva que chegaba a exercer todo o equipo con Juana e Raquel por encima dos nove metros, daba os seus froitos e pechaba as liñas de tiro e penetración para as olívicas. Os contraataques e as penetracións, máis o xogo co pivote no posicional, facían moito dano as de Lavadores e a diferenza reducíase até os dous goles a oito minutos do final (17-19). Nestes últimos compases, hai que dicir que o BM. Lavadores tivo o suficiente apromo como para saír airoso das situacións que lles expuña o seu rival e, cando máis o necesitaban, tiveron a suficiente calidade como para saber xogar sen balón e distanciarse de novo ata os catro goles de diferenza. Un par de perdidas de balón dos denominados erros non forzados, facían o resto e facilitaban dous roubos para que as de Vigo asinasen unha diferenza final de sete goles (17-24).
Meritorio encontro das de Xiria que seguen demostrando a súa progresión, unha mellora que ten fácil avaliación se comparamos este resultado co cultivado entre os dous conxuntos na primeira volta, onde as olívicas se impuxeron por un contundente 30-9 as de Carballo.
A próxima semana, o Goldie Xiria viaxará a Pontevedra para enfrontarse ao Teucro.

Goldie Xiria: 17 (7+10). Brenda Noya, Andrea Pose, Uxía Pazos, Nuria Noya, Saray Couto, Diana Rodríguez, Alba Rodríguez, Sheila Ferreiro (2), Raquel Gómez (3), Juana Garrochena (2), Sara Pombo (1), Tamara Pombo (3), Elena Segade (2), Zeltia Landeira (4).

BM Lavadores: 24 (11+13). María Pérez, Vanille Xytiles(5), Nerea Fontaiña, Laura Piñeiro (8), Mª Jesús Longueira (3), Estefanía Bastero, Carmen García (1), Sheila Rodríguez, Mª Isabel Martínez, Eva Costas (5), Estefanía Vilas (2).

Arbitros: Pablo González e Pablo Torreiro. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro da décima xornada (liga 2016/17) en 1ª Autonómica feminina, disputado no Pavillón Vila De Noia ante cento cincoenta seareiros

Fotos do encontro:

_dsc0877-copiar

_dsc0881-copiar

_dsc0882-copiar.