O Goldie Xiria Carballo Turismo volve cun punto da visita ó BM. Pabellón

As de Carballo logran o empate grazas a unha moi boa primeira parte a unha encomiable labor defensiva ante un rival ó que non foran capaces de vencer en ningún dos dous choques previos da primeira fase.

Con case media hora de retraso, o encontro comezaba cun Xiria moi motivado que conseguiu enlazar varios contraataques consecutivos e conseguía catro goles de vantaxe provocando a reacción en forma de tempo morto do equipo local cando apenas se disputaran 8 minutos. Unha tímida reacción do BM. Pabellón conseguía reducir a distancia, pero a boa dirección de Aida dende o central e a capacidade goleadora de Mina dende o extremo permitían chegar ó descanso con resultado de 11-14.

O encontro mudou na segunda metade, co Xiria dominando en case todas as facetas do xogo, pero a escasa capacidade anotadora -ó que hai que engadir 4 sete metros errados- e a boa actuación da porteira local permitían recortar a distancia no marcador. Nuns derradeiros 5 minutos con todo por decidir, dous goles da xuvenil Lara e dúas boas paradas de Nadia en accións de contraataque permitían ás de Carballo ter bola para gañar o partido a falta de 15 segundos para o desenlace. A sorte esta vez non estivo do lado visitante e finalmente houbo reparto de puntos.

Resultado final de 20-20 que sabe a pouco, pero que evidencia a mellora do equipo no tramo final da tempada. O Goldie Xiria Carballo Turismo xogará o derradeiro partido da fase pola Final Four ante o BM Caselas.