O Goldie Xiria gaña nun emocionante partido na Cañiza

 

O Goldie Xiria afrontaba o partido moi xustas de xogadoras, debido ás lesións. As continuas rotacións ataque-defensa serían necesarias para aguantar os 60 minutos a un ritmo alto, onde se senten cómodas. Así o entendeu o persoal á perfección que a base de traballo e sacrificio conseguiu facerse coa vitoria, a pesar de ir por baixo case todo o partido con mínimas diferenzas e continuos empates, non foi ata o minuto 55 onde conseguiu poñerse por diante xogando mellor que o seu rival os instantes finais.

O choque comezaba cun Goldie Xiria tratando de axustar defensivamente o bloque central co traballo de Juana no avanzado. En ataque atopaba boas situacións de lanzamento, xa fóra desde os extremos ou en proximidade ante o 6:0 rival. Se ben é certo que na primeira parte as xogadoras de primeira liña non estarían moi acertadas, aínda que non desistiron no empeño e aos poucos foron atopando portería ante as mesmas situacións de xogo. No minuto 25 sufrían as do Xiria a maior diferenza do partido -3. Pero co cambio defensivo e o saque rápido de centro recortarían ata chegar ao descanso 13 a 12.

Na continuación, Mina tomaría o avanzado no 5:1 e o bo traballo das 5 de atrás poñía en serías dificultades ás locais. Co paso dos minutos e as continuas exclusións de ambos os equipos, 5 por parte local e ata 11 por parte do Goldie Xiria, puxo en aperto o labor defensivo das de Xiria, que a río revolto; tiveron que aguantar o arreón de Cañiza e despois manexaron perfectamente a situación marcando goles en inferioridade númerica e de volta no 6×6 mostráronse mellor na parte final do partido, o que serviu para facerse cos dous puntos.

O martes 19 de Marzo ás 18:00 veremos ao Goldie Xiria actuar como local no pavillón Ceip Fogar ante o Bm Caselas.

Saeplast Bm Cañiza 26 – Goldie Xiria 27

Saeplast Bm Cañiza: Alexia Penabella, Esther Ogando (3), Xeila Pérez (4), Carla Abad (5), María Guerrero, Melisa Mariño, Patricia Rodríguez (4), Lucía Alonso (5), Olalla Penabella (2), Eva Canal, Uxía Martínez, Cheng Wenjing (3), Emma Pérez.

Goldie Xiria: Nadia Vázquez (p), Sara Pose (p), Juana Garrochena (4), Aida Vizcaíno (1), Mina Ribullén (4), Alba Rodríguez (2), Jessica Posse (6), Eva Calvelo, Saray Couto, Támara Pombo (1), Sheila Ferreiro (5), Raquel Gómez (4)

Marcador cada 5 minutos: 3-3, 5-4, 6-6, 8-7, 12-9, 13-12, descanso, 16-15, 18-18, 21-19, 23-23, 24-25, 26-27.

Árbitros: Óscar Fernández e Víctor Rivera do colexio galego.

Incidencias: Partido correspondente á vixésimo terceira xornada da Primeira División Autonómica Feminina dispùtado no Pavillón mpal da Cañiza ante uns 100 espectadores.