O Goldie Xiria non comparece en Salceda de Caselas

Viaxaba o Goldie Xiria Carballo Turismo ata Salceda de Caselas para reiniciar a competición despois do parón de Nadal.

As carballesas acudían coas baixas da porteira Nadia e as xogadoras Laura Barbeira, Saray e Sheila, ademais de Carla, Elba e Minia mermadas debido a un proceso gripal que as mantiña fóra dos adestramentos nestas datas. Todo en conxunto formaba unha situación complexa de xestionar para as de Carballo, que a pesar diso sabían da importancia de puntuar para afastarse ata catro puntos do seu rival e manter esa sexta praza na táboa de clasificación.

Despois dun comezo desastroso por parte de ambos os conxuntos con perdas de balón continuas tanto en transición como no posicional, as locais asentábanse mellor no 40×20 do municipal para establecer un parcial de 5-1 que obrigaba ao técnico carballés a solicitar o seu primeiro tempo morto. Nunca houbo reacción por parte das visitantes e os erros seguían sumándose uns tras outro, tanto nos pases como nos lanzamentos a portería. As perdas ofrecían goles fáciles as xogadoras de BM Caselas ao contraataque e nin o cambio de sistema defensivo nin de ataque deu os froitos desexados. Así, con todo, o resultado ao descanso era preocupante (15-7), pero moito máis as sensacións que estaba a deixar o Goldie Xiria Carballo Turismo.

Lonxe de solucionar os problemas acaecidos no primeiro tempo, as cousas empeoraron para as bergantiñás no segundo acto, que navegando cara a deríva, naufragaban sen paliativos ante un rival que mesmo chegaría a superar o golaverage de dez goles que o Goldie Xiria endosáralles no primeiro partido do campionato e, desta forma, adiantarían ás de Carballo na táboa clasificatoria.

Caselas: 28 (15+13). Paula Pereiro, Antía González (12), Ana Álvarez (4), Lorena Fdez (1), Ana Suárez (5), Miriam Barbosa, Paula Abril, Iris Sestelo, Patricia Torres (5), Zara Martínez (1), Florencia Paramos, Amanda Paramos.

Goldie Xiria Carballo Turismo: 14 (7+7). Sara Pose (p), Carla Santiago, Elba Pérez, Aida Vizcaino (1), Mina Ribullen (1), Tamara Pombo (2), Minia Calvo, Jessica Posse (1), Natalia Solís (1), Alba Rodríguez (6), Elena Segade (1), Raquel Gómez (1), Eva Calvelo.

Colexiados: Rubén Cividanes e Cristina Olleros. Non estiveron afortunados, pero non influiron no resultado final.

Parciais cada 5´: 1-1 / 5-1 / 7-3 /11-4 / 13-6 / 15-7 – Descanso – 18-8 / 19-11 / 21-11 / 24-11 / 26-14 / 28-14 – Final.

Incidencias: Encontro correspondente a 1ª xornada da 2ª volta na 1ª autonómica feminina disputado no pavillón Municipal de Salceda De Caselas.