O Punta del Este Xiria mellora e compite, pero non consegue puntuar
Difícil encontro, o que tiña por diante o Punta del Este Xiria, este sábado en Carballo, ante un Camariñas que estaba entre os favoritos a alcanzar os dous postos cabeceiros…

Difícil encontro, o que tiña por diante o Punta del Este Xiria, este sábado en Carballo, ante un Camariñas que estaba entre os favoritos a alcanzar os dous postos cabeceiros a final da liga; ao contar con xogadoras de segundo ano.
Plantáronlle cara ao partido as carballesas que desde o inicio saíron cunha defensa intensa e coa axuda de todas conseguían frear a unhas visitantes máis fortes. O esforzo permitíalles manter a igualdade nestes primeiros minutos, con mínimas vantaxes para as de Camariñas.
Facían cambios os dous adestradores para manter o ritmo do partido e que non se notase o desgaste. Bo traballo das porteiras, que mantiveron o seu duelo particular para axudar ao seu equipo. Ao descanso chegábase 11 a 15 no marcador, grazas en parte a unha exclusión e ás perdas de balón que o adestramento fará mellorar ás locais.
Non tiraba a toalla o Punta del Este Xiria, algo que caracteriza a este club, unido ao orgullo das xogadoras por querer seguir mellorando, apertaba o partido a través de rápidos contragolpes, con accións directas e puña en apertos a un Camariñas que non se esperaba un partido así.
E cando mellor estaban a xogar as locais, a distinta rapadoira polo que se mediu a arbitraxe sufrindo até 4 exclusións impediu ver un final máis apertado.
O resultado final 19 a 26 dáballe os dous puntos ao Camariñas, pero destaca a melloría alcanzada polas carballesas que deberán seguir traballando nas perdas de balón e faceta defensiva para alcanzar maiores logros.
Incidencias: Partido disputado no pavillón Ceip Fogar cun centenar de seareiros de ambos os conxuntos.
Na seguinte xornada, o Punta del Este Xiria viaxa até Lugo para enfrontarse ao Bm Lucus
PUNTA DEL ESTE XIRIA 19 ( 11 + 8 ): Anna Hernández, Paula Bouzas, Marta Gómez, Lucía España, Alba García, María García, Nerea Varela, Valeria Figueroa, Nina Pereira, Elena Collazo[p], Carmen Eirin, Lara Otero, Natalia Cancela.
CAMARIÑAS 26 ( 15 + 11 ): Paula Romar, Laura Alonso, Carolina Pasantes, Andrea Romar, Vanina Tajes, Nerea Santos, Yanira Barcia, Thiam Bineta, Paula Castro, Cristina Mouzo, Carla Vigo, Lara Canosa, Lucía Barneiro.


