O Teucro derrota a un Goldie mermado de efectivos
O pasado sábado, un Goldie mermado de efectivos debido ás lesións e a situacións laborais, viaxaba a Meaño para enfrontarse ante o Teucro no pavillón Coirón. Non tiveron excesivos problemas…

O pasado sábado, un Goldie mermado de efectivos debido ás lesións e a situacións laborais, viaxaba a Meaño para enfrontarse ante o Teucro no pavillón Coirón. Non tiveron excesivos problemas as xogadoras pontevedresas ante as baixas das carballesas para impoñerse con comodidade e salvo o primeiros dez minutos, tempo no que as verdinegras mantiveron a igualdade (3-3), as locais mantivéronse sempre por diante no electrónico. As once xogadoras bergantiñás tiveron que rotar durante todo o encontro para dar descanso ás súas compañeiras e mesmo Zeltia Landeira tivo que colocarse baixo paus nos útlimos cinco minutos de partido ante a lesión de Andrea, única porteira de Xiria no envite do Sábado, que levou dous balonazos no rostro de forma case consecutiva. No descanso, o electrónico xa reflectía unha cómoda vantaxe de cinco goles para as da cidade do Lerez (13-8), vantaxe que aumentaría ata os dez goles de diferenza na continuación e que deixaría os algarismos nun 32-22 final.
As mozas do Goldie non volverán xogar ata o fin de semana do 15 de Xaneiro, momento no que as carballesas esperan estrear co novo ano a súa marcadora de puntos fronte ao BM. Tui.
SD. Teucro Asmubal: 32 (13+19). Mónica Sineiro, Raquel Sineiro (6), Paula Rey, Iria Padín (1), María Rey, Gema Sánchez (2), Paula Reiríz, Lorena Ligero, Alba Corredoira, Anais Arnedo (1), Elena Rey (4), Laura Miniño (4), Sara Estevez (11), María Fresco (1), Patricia Álvarez (2).
Goldie Xiria: 22 (8+14). Andrea Pose (p), Uxía Pazos, Saray Couto, Diana Rodríguez, Alba Rodríguez (1), Sheila Ferreiro (1), Raquel Gómez (7), Juana Garrochena (6), Elena Segade, Zeltia Landeira (6), Adriana Groba (1).
Arbitros: Manuel Alonso e Roberto Trigo. Sen complicacións.
Incidencias: Encontro da décimo oitava xornada (liga 2016/17) en 1ª Autonómica feminina, disputado no Pavillón Coirón de Dena-Meaño ante un centenar de siareiros.


