O Laber Xiria acaba o ano no terceiro posto da clasificación
Estaba a ser unha boa xornada para o Laber Xiria, xa que os enfrontamentos que tiveran os equipos situados na parte alta da clasificación, favoreceran os intereses dos de Carballo.…

Estaba a ser unha boa xornada para o Laber Xiria, xa que os enfrontamentos que tiveran os equipos situados na parte alta da clasificación, favoreceran os intereses dos de Carballo. Agora quedaba conseguir a vitoria e, desa forma, afastarse dos seus perseguidores e alcanzar na clasificación ao Luceiros, actualmente segundo clasificado.
As contas eran claras, pero a fría entrada no encontro, a irregularidade mostrada tanto en ataque como en defensa no mesmo e a permisividade ante os agarrones locais, ademais da diferenza en canto ao número de exclusións, inclinou a balanza cara ao BM. Carballal que o pasado Domingo estivo moito máis concienciado do que había en xogo. A diferenza de intensidade mostrada, foi máis evidente nos inicios de partido, no que os locais conseguían penetrar ata os seis metros en accións individuais e sen apenas oposición. Só situacións anarquicas illadas e algún que outro contragolpe, permitían aos verdinegros igualar a contenda (3-3 minuto 10). A intensidade defensiva dos locais era moi alta e mesmo actuaban en non poucas ocasións fose do regulamento, agarrando ao opoñente unha vez superados, pero en cambio, as exclusións comezaban a aparecer e sucedíanse no bando bergantiñán, que tiñan que xogar con tan só catro xogadores de campo en varias ocasións ao longo do encontro. Desta forma, o envite comezouse a romper a favor dos de Vigo e do 3-3 nos primeiros dez minutos, pasábase a un 8-6 mediado o primeiro tempo. Os xogadores do Carballal pechaban filas diante da súa portería e o seu gardameta respondía con solvencia ante os lanzamentos visitantes, moitos deles efectuados de forma precipitada. O ataque local tamén se impoñía, destacando a capacidade de penetración e a paciencia para mover o balón á espera do fallo dos verdinegros. Non estaba todo perdido no tempo de descanso, xa que tan só era un gol o que separaba aos dous conxuntos, aínda que as sensacións eran ben distintas para uns e outros. Na continuación e con 15-15 no marcador, de novo as exclusións abortaban o intento de remontada do Laber Xiria e esas nove exclusións finais por só catro dos locais, uníanse ao escaso xogo colectivo do Xiria para poñer moi costa arriba unha vitoria ante un conxunto que estaba mostrandose superior no ´día de hoxe. Con 23-18 no marcador, aos carballeses non quedaba outra que cambiar de plan e apelar á épica e, aínda que asumiron riscos cunha defensa presionante e conseguiron recuperar balóns, a continuación se estrallaban de forma precipitada na defensa rival terminaban por perder de novo a pelota. Houbo posibilidades e situacións para igualar a contenda a falta de tres e catro minutos, pero os erros pasaron demasiada factura e o Laber Xiria quedou ás portas de conseguir algo positivo.
Tempo agora de afrontar o parón do Nadal con horas de adestramento e algúns días de descanso, para reforzarse e volver o fin de semana do 15 de Xaneiro co obxectivo de non fallar en casa e conseguir unha vitoria ante a SAR de Redondela que manteña aos de Xiria nesa terceira praza, loitando polos postos de privilexio.
BM. Carballal: 24 (14+10). Jorge Caldas, Samuel Rodríguez (2), Pablo García (3), Brais Otero, Jesús Lago, Julio Mogio, Borja Romero (3), Iago Martínez, Brais Simón (3), Xabier Puentes (10), Sergio Alonso, Guillerom Fernández (3), Oscar Otero, Lucas Castro, Lois Castro, Samuel Barciela.
Laber Xiria: 22 (13+9). Antonio Mato (p), Samuel Castiñeiras (p), Juan Carlos Rodríguez (9), Manuel Souto (p), Andrés Vila (3), Roi Alfeirán (4), Ronaldo Durán, Francisco Rey (5), José Varela, Santi Oreiro, Andy Rey, Manuel Sánchez. Pedro Pereira, Andrés Urbieta (1).
Parciais cada 5´: 2-2/ 3-3/ 8-6/ 10-8/ 13-11/ 14-13**/Descanso/15-15/ 19-16/ 21-17/ 23-18/ 24-20/ 24-22/Final.**
Colexiados: Andrés Hermida e Alberto Fernández. Excluiron con dous minutos a Francisco Rey (2), José Varela, Andrés Vila (2), Ronaldo Durán, Juan Carlos Rodríguez (2), e Pedro Pereira polos visitantes, namentres que Jesús Lago (2), Iago Martínez, Xabier Puentes e Samuel Barciela, foron excluidos polos locais..
Incidencias: Último encontro antes do parón do Nadal e primeiro da segunda volta da liga de División de Honra na categoría xuvenil. Partido disputado no pavillón de Loureiro en Carballal (Vigo) ante cento cincoenta seareiros de ambos os conxuntos.


