Este sábado primeiro derbi provincial para un Calvo Xiria ao que se lle seguen a acumular as baixas, xa que ante o Ártabro non poderá contar con Gonzalo, Jorge, Pablo, e posiblemente se lles unan os xuvenís Iván e Carlos. Aínda así non debería de perigar os dous puntos en xogo ante un dos equipos da parte baixa da táboa e que loita por manter a categoría. Dirixirán o encontro, que comeza ás 18:30 no Pavillón de Novo Mesoiro, Pedro Eiras Abalde e Aaron Sestay Prieto. Traballar a reo en defensa e poder correr o contraataque, quizais a fase de xogo da que menos proveito está a tirar neste inicio de liga, serán as premisas sobre as que xirará o xogo do Calvo Xiria.
Volta a cidade das Burgas esta fin de semana o Goldie Xiria, desta vez para enfrontarse ao Pabellón Orense na mañá do domingo. Deberá de saír máis concentrado e con máis efectividade de cara a gol, que a pasada semana se non quere ter complicacións, e poder así traer unha nova vitoria para Carballo. Seguen de baixa a porteira Brenda Noya, Patricia García e será ausencia por traballo Tamara Pombo.
Os tres equipos da División de Honra xogan en Vigo, no pavillón de Coruxo, ante o mesmo rival, o Seis de Nadal Coia. Despois de derrotar ao Teucro e acadar a cima da clasificación o pasado fin de semana, o Laber Xiria pon a proba o seu liderato lonxe de Carballo. Os carballeses terán que dar o cen por cen para vencer a un equipo de gran fiabilidade e moi competitivo. Todos os xogadores do Laber Xiria están dispoñibles para este envite que dará comezo as 13:00h. Moitísima dificultade, ás 11:30, para o Grupo Lemaco Xiria ante o líder da clasificación, que conta os seus partidos por vitorias. Necesitan facer un encontro sobresaínte os carballeses, xa que calquera erro será aproveitado polos vigueses para imarcar diferenzas. O Garaysa Xiria deberá manter o bo xogo mostrado o fin de semana pasado, se desexa seguir coa tarefa de perseguir ao líder da competición, o Carballal. Pero os vigueses non llo porán nada fácil xa que marchan terceiros na clasificación a un só punto do Garaysa Xiria. A defensa será unha das claves do partido; veremos cal dos dous equipos será capaz de impor o seu estilo de xogo, nun encontro que se iniciará ás 10:00.
Dobre xornada, actuando como local, para o Marmolería José Rey que ten un difícil encontro, ante o líder da competición, o Lucus Recambios Infra. Proba de lume para os carballeses que terán que competir a un alto nivel se queren levar a vitoria. O partido disputarase o sábado 7 ás 12:00 no pavillón Carballo Calero. Xa o domingo, no Vila de Noia ás 12:00 será a quenda para enfrontarse ao Alca no que supón o inicio da segunda volta da competición.
E inician os equipos alevíns e benxamíns a competición de “Balonmán 5”, no Pavillón do CEIP Fogar este sábado dende as 10:15, os sete equipos que presenta Escolas Balonmán Xiria botan a andar nunha das competicións que máis seguidores move cada fin de semana.


