Recibe o Calvo Xiria ao Academia Octavio

Recibe o Calvo Xiria a visita do Academia Octavio este sábado ás 18:00 no Vila de Noia. Un partido que a pesares da diferenza en puntos a día de hoxe, non vai ser nin moito menos doado para os carballeses, pois xa foron quen, entre outros resultados positivos, os vigueses de empatar co Novás, perseguidor do Xiria a un so punto. E de seguro que vai ser un rival moi distinto do que se viu no pavillón bergantiñán no partido de Copa Galicia do mes de Agosto. Manter a intensidade ante un rival que busca que o seu opoñente se deixe ir para nese intre incrementar o seu ritmo e tirar proveito do factor sorpresa en cada acción. Controlar o xogo dos seus xogadores de primeira liña e a colaboración co pivote, serán as tarefas fundamentais da defensa do Calvo Xiria. Incrementar o ritmo do partido o máximo posible, e non cometer erros no lanzamento tamén semellan fundamentais para que os carballeses segan ca súa liña positiva de resultados.

Pola súa banda e despois da mellora mostrada a pasada semana en Tui, as mozas do Goldie Xiria parten cara a Lalín con ilusións renovadas e con ganas de continuar demostrando que o equipo vai á alza. O encontro será duro, contra un BM.Lalín con bo nivel e difícil sempre na súa casa. O envite dará comezo ás 17:00h do Sábado na pista un do pavillón Lalín Arena.

O Laber Xiria xoga coma visitante por segunda xornada consecutiva, este sábado ás 19.00h no pavillón Pablo Herbello de Bueu. Os de Carballo teñen o obxectivo de manterse líderes invictos, mais terán que empregarse a fondo ante un equipo moi necesitado de puntos que ocupa o último posto na clasificación. Todos os xogadores estarán dispoñibles ante a recuperación de Ronaldo, que non puido xogar a pasada semana por unha contractura nas costas.

Volta a desprazarse o Grupo Lemaco, rendendo visita este sábado ao Balonmán Chapela ás 10:00. O equipo carballés está a baixar o seu rendemento fora da casa, saíndo moi precipitado e cedendo gran parte das súas posibilidades nos primeiros minutos. A premisa para este encontro será manterse no inicio do partido sen precipitacións que supoñan perdas de balón, e no ataque paciencia e dar maior fluidez ao xogo.

Xusto cando rematen os seus compañeiros cadetes, preto das 11:30, será quenda para os infantís do Garaysa Xiria. Segundo partido seguido fóra de casa para o Garaysa que quere seguir progresando sobre as boas sensacións que deixou na segunda parte, en Ourense. Será necesario que cada xogador pense no equipo se queren seguir co refacho de resultados positivos obtidos até agora e tratar de achegar na pista o que o equipo necesite en cada momento. Unha boa organización colectiva, tanto en defensa como en ataque é a clave para seguir loitando nos postos cabeceiros.

O domingo pola mañá gozaremos en Carballo, no pavillón Vila de Noia, da segunda xornada da segunda división infantil. Ás 10:30 será a quenda para os xogadores do Marmolería José Rey Xiria que se enfrontará ao Colexio Liceo; mentres que ás 11:45 as infantís do Punta del Este Xiria mediranse ao Bm Xallas «A». É o primeiro partido na casa para ambos conxuntos que seguen crecendo co traballo do adestramento semanal e esperan demostrar a súa boa liña de progresión sobre a pista carballesa.