O Laber Xiria xuvenil, suma e segue

Todos aqueles que teñen certa experiencia deportiva, saben e sufriron “sorpresas” na cancha, todos coñecen as múltiples variables que poden incidir nun enfrontamento a priori desigual e por iso, un deportista que se prece como tal, vive con esa íntima desconfianza ante unha confrontación deste talante. O do pasado Sábado en Bueu era un encontro así, un partido entre o primeiro e o último da clasificación, que aínda non fora capaz de estrear a súa marcadora de puntos. Os de Carballo mostráronse moi serios nos primeiros trinta minutos, sabedores de que esas variables se comezan a controlar a partir da concentración, a atención e a intensidade que se poña no envite. Grazas a todo iso, os locais, o BM.Bueu, viuse superado por un Laber demoledor no primeiro acto, sólido en defensa, levantando un muro infranqueable ante a portaría de Manuel Souto e ditando sentenza no contragolpe. Chegábase ao tempo de descanso e o electrónico marcaba un conrundente 3-21 favorable ao conxunto de Carballo. Quedaban trinta minutos por xogar, un tempo sen máis historia que contar que a relaxación dos verdinegros e a loita do seu rival, que aproveitaba agora o menor ritmo dos de Xiria para lograr un parcial máis decoroso que deixaba o marcador final en 15-36. A semana que vén, este Laber Xiria invicto e líder da liga comezará un tramo duro do campionato, un camiño onde empezará enfrontándose ao Cisne de Pontevedra en Carballo e ao que seguirán outros partidos fronte aos aspirantes ao título. Non podían os de Carballo estar mellor situados para afrontar tamaña esixencia e por iso a ilusión, a confianza e as gañas coas que se inicia este reto, poden ser claves no devir das próximas xornadas.

BM. Bueu: 15 (3+12). Simón Loira, Hugo Gallego (1), Manuel Cruz, Rubén Millán, A. Barreiro, Eloy Malvido (1), P. Castellanos (2), Adrián Fazangs (8), Marcos Ríos (1), Isaac Maqueda (1), P.R.Baqueiro (1).

Laber Xiria: 36 (21+15). Sanuel Castiñeiras (p), Juan Carlos Rodríguez (11), Manuel Souto (p), Andrés Vila (8), Roi Alfeirán (4), Ronaldo Durán (3), Francisco Rey (1), José Varela, Santi Oreiro (3), Andy Rey (5), Manuel Sánchez (1), Sergio Tasende.

Colexiada: María J. Álvarez. Ben, sen complicacións.

Incidencias: Encontro da sétima xornada da liga de División de Honra na categoría xuvenil, disputado no pavillón Pablo Herbello de Bueu ante cincoenta seareiros.