Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

Previa da xornada

Remate dunha primeira volta de récord para o Calvo Xiria

Finaliza este sábado a primeira volta da 1ª Estatal co Calvo Xiria encabezando a táboa clasificatoria. Recibe a un Lavadores que marcha pola zona media e que de seguro tratará…

Finaliza este sábado a primeira volta da 1ª Estatal co Calvo Xiria encabezando a táboa clasificatoria. Recibe a un Lavadores que marcha pola zona media e que de seguro tratará de dar a sorpresa e levarse os puntos do Vila de Noia as 18:00. Na cabeza dos bergantiñáns dous obxectivos básicos para este partido; acadar a vitoria e seguir a traballar para recompoñer os seus sistemas de xogo logo das consabidas baixas de Cuco e Pablo para o que resta de tempada. Dende logo acadando estes puntos, pecharán unha primeira volta máis que sobresaínte, pois con 28 de 30 posibles, é un orgullo para os seus seareiros ter un equipo composto por rapaces da prolífica canteira carballesa no máis alto dunha liga estatal.

Logo do parón de Nadal retoma a competición de 1ª Autonómica o Goldie Xiria, recibindo ao Balonmán Tui o sábado as 8 da tarde. No encontro da primeira volta, as carballesas impuxéronse nun partido moi igualado, polo que se espera que suceda o mesmo, nun encontro que ben seguro se resolverá por mínimos detalles. Remataba o ano o Xiria con boa intensidade no bloque central da defensa 6:0 ante os equipos da zona alta, pero ante o Balonmán Tui, volverá cunha defensa máis profunda en 5:1 para desarborar o ataque contrario e recuperar o balón antes. Onde se deberán aplicar máis as xogadoras será no lanzamento si se pretende subir un banzo nos resultados.

E tamén volven as competicións na División de Honra. O domingo no Vila de Noia os tres representantes carballeses na máxima categoría comezan unha nova etapa competitiva para acadar os obxectivos marcados. Primeira quenda ás 10:00 para os cadetes do Grupo Lemaco fronte o Bm. Porriño, derradeiro clasificado, os carballeses agardan non ter problemas para sumar unha vitoria, para elo o equipo conta con todos os seus efectivos. Logo, ás 11:30, Garaysa Xiria e Chapela, sétimo clasificado, mediranse na liga infantil, logo dun mes sen competir, os locais deberán atopar canto antes, as boas sensacións de xogo que levaron ao equipo a ir segundo ao longo do primeiro tramo da liga, factor determinante se queren que os puntos en xogo queden en Carballo. E ás 13:00 Laber Xiria e Porriño, equipo que empatou contra os bergantiñáns no encontro da primeira volta, pecharán a xornada dominical de balonmán. Os xuvenís, de novo con todo o equipo dispoñible, afrontan a segunda parte da liga con ilusión e ánimos renovados, cunha única idea: conseguir praza para disputar o campionato de España.

Xornada de balonmán 7 para os alevíns do Xiria, o Lk xoga en Abegondo o sábado ás 12:30 namentres os seus compañeiros do Xiria Telepizza Carballo farano ás 11:00 no Pavillón do CEIP Fogar.

Máis sobre isto