Xornada de derbis provinciais

Duelos provincias en todas as categorías para Escolas Balonmán Xiria. Abrirá este carrusel o Calvo Xiria ante o Bm Ártabro no Pavillón de Novo Mesoiro o sábado ás 18:30 horas, co obxectivo de acadar dous puntos para manterse na zona máis alta da táboa clasificatoria. De novo impor o seu ritmo de xogo semella a mellor baza para levarse o partido, recuperacións de balón cunha defensa moi activa e contraataque estase a amosar como o xogo máis eficaz por parte dos carballeses, que seguen a traballar na mellora do seu ataque posicional para ampliar o seu repertorio. As novidades dos verdibrancos veñen da man da convocatoria, con “Cuco” e Rubén Anes de novo co equipo logo dun paréntese por diferentes motivos, agardamos que amosen dende un inicio todo o seu potencial para axudar ao equipo nesta longa tempada.

Ás 20:00 no Vila de Noia será a quenda para o Goldie Xiria – Balonmán Encaixe. Sétima xornada de liga, na que as carballesas chegan coa necesidade de acadar algo positivo trala derrota en Pontevedra de hai dúas semanas, para non descolgarse das catro primeiras prazas. Non o terán nada doado, como ben saben as xogadoras do Xiria, ante un a un equipo que se motiva especialmente fronte as carballesas. A pesares disto, o bo rendemento que atravesa o equipo local, mellorando esta tempada en defensa e a motivación dun partido como este, serán as principais bazas para dobregar ao rival.
Logo da recuperación das lesionadas e da alta de Sheila Ferreiro e Ángela Pena a convocatoria queda: Brenda Noya e Aida Cangas (porteiras) Juana Garrochena, Natalia Solís, Zeltia Landeira,Tamara Pombo, Jéssica Posse, Marta Regueira, Sara Pombo, Cristina Gende, María Gómez, Adriana Gómez, Patricia García, Raquel Gómez, Ángela Pena e Sheila Ferreiro.

E para pechar os duelos provinciais o domingo os conxuntos de Divisón de Honra enfróntase no Pavillón Vila de Noia ao Oar. Coma ben sendo habitual abrirán a xornada matinal os infantís do Garaysa Xiria ás 10:00, os carballeses chegan con moitas gañas de amosar a súa mellora dende as derrotas sufridas contra eles na pretempada, ademais o encontro preséntase moi emocionante xa que ambos equipos chegan empatados a puntos. Ás 11:15 O Grupo Lemaco Xiria cadete, ca baixa de Pablo Cambón, tentará seguir ca súa racha de resultados positivos trala meritoria vitoria da derradeira xornada en Cangas. E ás 12:45 quenda para os xuvenís, que chegan sen Dani Buño por mor dunha luxación nunha deda o pasado martes. Deberán dar o máximo cada un dos xogadores carballeses para poder sacar algo positiva dunha vibrante xornada de balonmán.
Nas categorías provincias, Marmolería José Rey tentará recuperar a senda da vitoria contra o Bm. Viveiro, un rival que tamén chega empatado a puntos cos nosos pero un posto por debaixo por diferenza de goles. O encontro será o sábado  ás 11:45h no Pavillón do CEIP Fogar, xusto despois do duelo entre os nosos equipos alevíns do LK Xiria e Ifecgas Pereira Xiria que se disputará ás 10:30.
Este sábado en Santiago, no Colexio Alca, xogarase a xornada de minibalonmán dende as 10:15 horas, as rapazas do Marmolería José Rey Xiria, e os benxamíns do Grupo Lemaco Xiria, Punta del Este Xiria e Oak English Centre Xiria representarán á canteira carballesa.