Xornada vital para os equipos sénior

Importante xornada para os equipos sénior de Escolas Balonmán Xiria a que se disputa este sábado no Vila de Noia, coma ven sendo habitual ás 18:00 e 20:00. A primeira quenda será para o Calvo Xiria, que necesita a vitoria ante o Cisne Bm, segundo clasificado, para non perder a estela dos postos máis altos. Moito traballo en defensa e un exquisito manexo de balón no eido ofensivo serán fundamentais para que os carballeses teñan opcións ante uns dos equipo que mellor momento atravesan na competición, cunha plantilla moi mellorada respecto ao curso pasado. O nivel de concentración que sexan capaces de manter os xogadores verdibrancos será fundamental para o devir do encontro. A novidade entre os locais e a fichaxe de José L. Fraga García, “Pi”, para axudar na maltreita porteira do Xiria.

Ás 20:00, na 1ª Autonómica Feminina, o Goldie Xiria recibirá a visita do Bm Lavadores. A vitoria tamén será obrigada para seguir na loita por entrar entra as catro primeiras. O conxunto vigués, que este ano perdeu potencial ante a marcha de moitas xogadoras ao seu veciños do BM Carballal, presentarase en Carballo cun equipo moi novo que destaca polo sólido 6:0 defensivo, e onde as maiores carencias se amosan en ataque. As xogadoras do Xiria, terán que amosar un nivel de motivación e implicación semellante ao amosado a semana pasada diante do Ferrolterra, e a vez aproveitar o feito de xogar ante os seus para ser máis rápidas e contundentes no ataque.

E o domingo -10:00 infantil, 11:15 cadete e 12:45 xuvenil-, no mesmo escenario, dispútase a décima xornada de División de Honra. O Garaysa Xiria xoga un importante encontro de cara a acadar os puntos necesarios para asegurar a permanencia na categoría. O rival é a SAR de Redondela, penúltimo clasificado que chega a Carballo con 3 puntos. Os carballeses contan coa baixa de Urbieta, que sufriu unha grave lesión na perna dereita no último partido contra o Seis do Nadal. A intensidade defensiva e a velocidade nos contragolpes serán as claves para facerse coa vitoria. O Grupo Lemaco, en cadetes, afronta o seu encontro coa intención de romper a racha de dúas derrotas consecutivas e desa forma, superar o seu rival na clasificación, a SAR de Redondela. Nos carballeses, son dúbida Mario Lema por lesión e Xurxo Rey por enfermidade, sendo baixa segura, Sergio Pombo, cun forte golpe no seu xeonllo. Por outra parte, os xuvenís do Laber Xiria, terán que mellorar as súas prestacións se queren derrotar aos de Redondela, esperando un posible tropezo do Lalín que lles permita alcanzar a segunda praza na clasificación. Para este encontro é dúbida Diego Gago, cunha torcedura no seu nocello.

E para os alevíns comeza a liga de balonmán 7. O Ifecgas Pereira Xiria disputa o sábado no Pavillón do CEIP Fogar ás 11:00 ante o Escolas Oar o seu partido mentres que o Lk Xiria descansa por mor dunha incidencia ca pista do Bm. Narón. Os dous equipos completaranse cos xogadores benxamíns para esta competición.