O Grupo Lemaco loitará na Prata

O Grupo Lemaco loitará na Prata

O Grupo Lemaco cadete feminino non puido acadar a clasificación para a Liga Ouro desta temporada. O grupo, un dos máis complicados pola igualdade dos equipos participantes, Culleredo, At. Bueu, Seis do Nadal e Grupo Lemaco, saldouse ca victoria do Bm. Culleredo que conseguiu gañar os seus partidos e así acadar unha das prazas.

Na primeira xornada as carballesas enfrontáronse contra o At. Bueu, onde a superioridade física das pontevedresas terminou por decantar un encontro onde as nosas cadetes competiron a un nivel moi alto durante os 30 primeiros minutos, cunha defensa moi activa e moi confiadas nas situacións de ataque que lles permitiu dar o susto a outra das escuadras que apuntaban a favoritas para este sector. A superioridade carballesa, que se foi ó descanso sete goles arriba, fixo despertar ás de Bueu que foron quen de aproveitar o baixón físico das nosas no segundo tempo. O 28-35 final non reflexa a igualdade do encontro onde as verdes encaixaron 4 goles seguidos no derradeiro tramo que abriu unhas distancias que non se deron no encontro.

Xa na segunda xornada onde se facía imprescindible a victoria, o Grupo Lemaco xogaba ante o Seis do Nadal que vendeu cara a súa derrota despois dun encontro dominado no electrónico polas carballesas pero que non foron capaces de romper ata o final. A pesar diso, as verdes sumaron unha victoria antes de enfrentar o favorito do grupo, que sumaba os dous partidos por victorias claras ante Bueu(+12) e Seis do Nadal(+30)

Chegábase ó derradeiro encontro con posibilidades de clasificación, despois de que o Bueu se impuxera con máis dificultades das normais ó Seis do Nadal, evidenciando a igualdade neste sector. As carballesas terían que dar a campanada ante o favorito, e sen dúbida que loitaron as do Grupo Lemaco que a pesar de ir por debaixo no marcador, sempre estivo no encontro con distancias curtas de 2 e 3 goles. O gran ambiente no derbi fixo do encontro una festa onde ambas escuadras mostraron seu potencial e onde o maior poderío físico das cullerdenses terminou por decantar a balanza para as vermellas.