75 Aniversario
Este ano cúmprese o 75 aniversario do nacemento da empresa Luís Calvo Sanz, unha historia de éxito chea de traballo, innovación … e de carballeses. En 1982, CALVO fai unha…

Este ano cúmprese o 75 aniversario do nacemento da empresa Luís Calvo Sanz, unha historia de éxito chea de traballo, innovación … e de carballeses.
En 1982, CALVO fai unha aposta decidida e importante por un novo proxecto deportivo bautizado como XIRIA, que cambia radicalmente a forma de traballar no deporte carballés e que pronto comeza a dar os seus froitos. Outras asociacións deportivas van aparecendo, pero o enfoque xa non pode ser outro, apostar pola base e por profesionais na formación.
Carballo é, dende hai anos, un referente deportivo a nivel provincial, autonómico e mesmo estatal, xa que se poidésemos comparar indicadores que avaliasen a cantidade e a calidade do deporte en Carballo, o ratio por poboación, estamos seguros de que nos situaría ao nivel das rexións máis desenvolvidas do mundo.
Dende logo non se pode personalizar isto nunha entidade nin nunha persoa, os méritos hai que repartilos entre moitísima xente que arrimou e arrima o ombreiro e a carteira, pero a ninguén se lle escapa que sen o apoio constante de Luís Calvo Sanz, non sería posible estar onde estamos, nin de lonxe!
ESCOLAS BALONMÁN XIRIA síntese especialmente orgullosa da súa xestión deportiva, da súa xestión económica e, do seu labor social e ademais de transmitirlle este sentir ao seu patrocinador principal, tamén queremos dicirlle que estamos moi orgullosos de poder levar a CALVO nas camisetas, e tamén un pouco máis dentro, nos nosos corazóns.
Eternamente agradecidos, parabéns e longa vida a Luís Calvo Sanz, S.A.



