Dobre vitoria copeira do Laber Xiria A nunha intensa fin de semana

O xuvenil A tiña unha fin de semana de gran actividade xa que debía xogar o partido de Copa que tiña pendente da primeira xornada e tamén o correspondente a esta semana, os cales os rapaces de Brais Puñal recuperarían sensacións superando ao Seis do Nadal e vencendo ao Lalín dende o traballo de grupo.

Laber Xiria A 35 – 13 Reca Hollywood Seis do Nadal

O pasado sábado, o Laber Xiria A enfrontábase ao Reca Hollywood Seis do Nadal no encontro correspondente á primeira xornada de Copa que fora aprazado. O Laber chegaba ao partido coa necesidade de atopar sensacións poistivas e continuar coa liña de traballo amosada nos adestramentos.

Foi así como o Laber Xiria entrou ao partido coa motivación necesaria para enchufarse dende o inicio. Deste xeito, cunha defensa activa, que solventaba os erros como bloque conseguía poñer as primeiras rendas no marcador. O Laber conseguía manter un ritmo constante, o cal facía que as distancias no marcador fosen aumentando cada vez máis.

Grazas ao traballo amosado, os de Carballo ían a conseguir levarse os dous puntos de maneira clara e ir recuperando sensacións para o partido do domingo que se amosaba moi interesante.

Laber Xiria A 38 – 18 Carpintería Jar Lalín

Despois de acabar o sábado con boas sensacións o Laber  Xiria tiña o domingo un partido decisivo para poder pasar aos cuartos de final de Copa. O partido amosábase reñido e competido ante un rival loitador como sempre é o Lalín.

Os carballeses volveron a saír moi intensos dende o comezo, traballando a defensa como grupo e suplindo os entendibles erros individuais con axudas en bloque e sendo verticais unha vez desprazada a defensa no ataque. Con este contexto, o partido poñíase de cara para os carballeses.

Sen embargo, era de esperar que os de Lalín non deran o partido por perdido, pero nesta ocasión os de Carballo cun traballo que foi mantido durante os sesenta minutos foi quen de anular todas as intencións dos lalinenses e así facerse con un vitoria importante e rematar a fin de semana con moi boas vibracións.