O grupo Lemaco visitaba a sempre complicada pista do Lucense na mañán do sábado para xogarse a primeira praza da liga ante o segundo clasificado. A vitoria era capital dado que soamente opta ó título o primero clasificado de cada grupo e unha derrota ante Lucense deixaba na obriga de gañar os dous restantes enfrontamentos.
O gran acerto do Lucense nas primeiras accións e un par de erros no lanzamento do Xiria puxeron ás locais por riba co (3-5) dos lances iniciais. O Xiria veuse na necesidade de aumentar a súa profundidade defensiva e modificar a estructura para evitar que as lucenses chegaran a zonas próximas dos 6m, pero non foi ata que controlaron os deslizamentos de pivote cando o marcador comezou a tornar cara o conxunto coruñés. A dificultade para chegar a situacións claras de lanzamento ante unha defensa extremadamente intensa, que raiaba os marxes reglamentarios, non xogou a favor das de Bergantiños, que tiveron que acougar ata o minuto 20 para tomar os mandos do encontro. Nos derradeiros segundos o Lucense anotaba un tanto que deixaba un marcador axustado (12-13) na primeira metade con todas as posibilidades abertas.
Tras unha chamada á calma, o Grupo Lemaco volveu á pista coas ideas claras. Os limpos roubos de balón ofreceron unha oportunidade para os goles en contraataque sen oposición e a defensa pechouse en torno a pivotes, con saídas menos profundas pero moi efectivas, ofrecendo unha feroz oposición a un ataque con decrecentes recursos por mor da fatiga. Non tardou moito en medrar a diferenza ata os tres goles, obrigando a pedir un precipitado tempo morto no minuto 35 que tivo moi pouca trascendencia. No tempo restante da segunda metade o Grupo Lemaco dedicouse a manter e facer crecer de forma paulatina a diferenza no marcador, ata chegar ós seis goles do final (21-27).
Foi un partido extremadamente complicado no que as rapazas do Xiria tiveron que loitar contra vento e marea para acadar a ansiada vitoria e asegurar a primera praza na liga a falta de dous enfrontamentos. Agora agardan os partidos ante Carballal B e Lavadores B para preparar a segunda fase, onde dúas xornadas contra os cabezas de grupo A e C decidirán o campión de prata e candidado para a eliminatoria da Final 4.


