O Laber Xiria disputará esta fin de semana a Fase Final da Copa Federación

O Laber Xiria disputará esta fin de semana a Fase Final da Copa Federación de División de Honra Xuvenil na localidade Pontevedresa de Tui. O sábado as 12:30 medirase en partido de semifinais ao equipo locatario Balonmán Tui, na outra semifinal enfrontaranse os actuais Campión e Subcampión de liga Balonmán Cisne e Seis do Nadal. A final terá lugar o domingo as 12:30 no Pavillón de Tui entre os gañadores.

O Laber Xiria chega como gañador do seu grupo desta Copa Federación e con gañas de facerse co título copeiro, pois amosouse nestas derradeiras semanas con bo nivel de xogo, moi contundente na defensa e con moitos recursos no ataque. Diante terá primeiramente o sábado ao equipo local que contará co factor cancha e co calor dos seus afeccionados.

Con estes partidos o Laber Xiria rematará unha tempada na que comezou no mes de Setembro coa disputa do Play Off onde foi moi superior aos seus rivais, e coa consecución da quinta praza na Liga dobregando a rivais en teoría moi superiores. A consecución deste título será o broche de ouro para uns xogadores que xa están a chamar as portas do primeiro equipo.