PRESENTACIÓN DO XIRIAPOP 2010

VENRES 17 E SÁBADO 18 DE SETEMBRO DE 2010
Carballo acolle a XIII edición do Festival Xiria Pop con oito grupos de calidade

09/09/2010 O Festival Xiria Pop chega á súa edición número trece sen nada que demostrar despois dunha ampla traxectoria, pero coa súa mesma busca da calidade. Desta volta o cartel está conformado por oito grupos que o venres 17 e o sábado 18 de setembro encherán de boa música a sala da Cervexaría Dublín. O venres é a quenda de Wolrus, The Mittens, The Riffbackers e The See See, mentres que o sábado tocan The Allnight Workers, The Shake, Los Chicos e Micky y los colosos del ritmo. A presenza de Micky é un dos grandes atractivos do festival, no que presenta, na súa única actuación programada este ano en Galicia, un novo disco de rock’n’roll. Dende a organización, Xavier Graña explica que «este ano non hai estrelas rutilantes estranxeiras porque non se puxeron a tiro», pero que The See See, chegados dende Londres, son dunha grandísima calidade, ao igual que os grupos españois e galegos. A entrada custa 10€ cada día aínda que pode adquirirse un bono de 15€ para os dous días. As portas ábrense o venres e o sábado a partires das 22.00 horas.
En canto aos grupos, son moi variados, pasando pola veteranía de Micky, os ingleses The See See, The Allnight Workers de O Grove ou os madrileños Los Chicos. «Con sorte virán ao festival tres xeracións: pais netos e avós», comenta Graña. Micky y los colosos del ritmo (Madrid) supón o regreso dun dos pioneiros do rock’n’roll en España xunto aos Tonys, e que agora volve cunha banda que conta coa presenza de membros de Dr Explosion, Raunch Hands, The Kaisers, The Real McCoyson oy Bubblegum, entre outros coñecidos do underground de garaxe. Os londinenses The See See, única representación internacional do festival, contan con representantes curtidos en bandas como The Soledad Brothers ou The Waxwings que agora inician unha nova aventura no rock’n’roll e a psicodelia. Los Chicos (Madrid) veñen de realizar unha xira de 13 concertos por Australia despois de sacar o seu cuarto álbum, ‘We sound amazing but we look like shit’. Tras dez anos téñense convertido nunha das bandas de garaxe máis importantes de España, ou incluso de Europa. The Shake (Almería) son uns namorados do beat, do soul e do pop, que destacan dentro do pelotón de bandas dos 60s, tanto polo seu inesgotable talento como polo seu son sobrio e elegante.

The Mittens (Madrid) xurdiron hai cinco anos e veñen de debutar en formato longo en 2010 con ‘Deer Park Mirage’, cun traballo coidado ata o máis mínimo detalle que busca un son propio ao mesmo tempo que bebe do pop de todas as décadas. The Riffbackers (Madrid) é o novo proxecto musical de dous ex compoñentes de The Winnerys que nace en 2007. Teñen influencias do powerpop e rock dos 70s, a psicodelia dos 60s ou a new wave dos 80s. Wolrus chega ao festival trala caída de cartel dos Gurus, que ao final non puideron asistir. Tras varios meses de traballo no seu pequeno estudo, deciden dar o salto ao directo con boas cancións á espera de grabar o seu primeiro álbum como banda. Por último, hai que mencionar a The Allnight Workers (O Grove), que mesturan estilos como o jump blues, o swing, o jazz ou o rock’n’roll para crear un son fresco, orixinal e de grande calidade. O Concelleiro de Xuventude, Marcos Trigo, e o Alcalde, Evencio Ferrero, quixeron agradecer á organización a posta en marcha do festival. Ferrero subliñou o feito de que o Xiria Pop permite que veñan a Carballo persoas chegadas de moi diferentes lugares de Galicia e de fóra de Galicia e que «xa se ten convertido nunha referencia dende o punto de vista musical».

Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova a web do Xiria Pop, con información detallada sobre cada grupo, así como descargar en pdf o cartel do festival, un ano máis cheo de orixinalidade, e nesta ocasión realizado pola artista IvyPop.
Fonte: www.carballo.org