PARAXE CONSTRUCCIONES 29 – CALVO XIRIA 23

1º DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 1

17/09/2010 PARAXE CONSTRUCCIONES 29 – CALVO XIRIA 23
Paraxe Construcciones 29 (18+11): Koustov [p, 19 pdas/ 1 de 7m], Camino (1), Herranz (5), Rubén (2), Ángel (3), Marcos (5), Roberto (4) –equipo inicial- Pablo [p, 5 pdas/ 1 de 7m], Chema (3/ 3 de 7m), Iago (3), Abilleira (1), Casal, Blanco (2) e Vidal.

Calvo Xiria 23 (8+15): Iago [p, 4 pdas], Ramón (3), Álex García (2), Dubra, Borja, Manu, Jesús (7) -equipo inicial- Kike [p, 10 pdas], Pablo (5 /2 de 7m), Fer (1), Álex Zas (3), Suso, Cristophe e Cuco (2).

Colexiados: May Fernando Orjuela Navarrete e Gonzalo Alonso Ruíz (ambos do colexio Cántabro). Sancionaron con exclusión de dous minutos aos locais Marcos (min. 9), Iago (min. 17), Vidal (min. 22 e 36), Roberto (min. 23), Ángel (min. 45), Rubén (min. 49), Camino (min. 51) e Abilleira (min. 57); e aos visitantes Manu (min.17), Álex Zas (min. 18) e Ramón (min. 38 e 52).

Parciais cada cinco minutos: 5-1; 8-2; 11-3; 12-6; 13-8; 18-8 (descanso); 20-9; 21-11; 23-12; 25-16; 26-19; 29-23 (final).
7 metros: Paraxe Construcciones: 3 / 3 # # # Calvo Xiria: 2 / 4

Tras a doce ledicia copeira, con amargura comezou o Calvo Xiria a nova temporada na PRIMEIRA DIVISIÓN ESTATAL de balonmán ao caer derrotado por 29-23 no “Pavillón Municipal de Chapela” ante o potente conxunto local do Paraxe Construcciones.

Este tropezón, aínda que entraba dentro de toda lóxica xa que o Xiria enfrontábase a un dos máximos aspirantes ao título, chegou dun xeito un tanto frustrante, pois o encontro quedou practicamente definido aos poucos minutos de empezar. A envergadura e o poderío físico dos locais impedían que os esforzos defensivos dos carballeses obtivesen os froitos apetecidos e o Paraxe Construcciones materializaba con facilidade todas as súas accións de ataque. Por contra o Calvo Xiria non imprimía a velocidade nin atopaba o ritmo ofensivo necesarios para conseguir situacións axeitadas de tiro e perdía moitos balóns ou esnafrábaos contra o imperecedoiro meta Koustov que, unha vez máis, volveu asinar unha brillantísima actuación. Un chisquiño antes de cumprirse o minuto oito de xogo os xogadores que dirixe Fran Teixeira xa mandaban no electrónico por 7-1; unha xa máis que notable diferenza de goles, que conseguiron ampliar ata oito (11-3) no ecuador deste primeiro acto. Sen perder nunca o control do partido, os de Chapela xogaban cada vez máis relaxados e “ralentizaban” todo o que podían os inicios das súas xogadas de ataque. Coas cousas así, os rapaces de Marcos Rodríguez aproveitaron a situación para artellar unha tímida reacción que lles permitiu reducir as diferenzas ata o 13-8. Incluso, na seguinte xogada o Xiria puido recortar o marcador nun gol máis, pero o infortunio quixo que o lanzamento do noso extremo Jesús fose bater contra un poste. Como si isto fose un presaxio os cinco minutos finais deste primeiro acto resultaron nefastos para os intereses carballeses. Unha boa acción defensiva e catro oportunísimas paradas do meta Koustov esporearon aos locais que sentenciaron definitivamente o choque firmando un parcial de 5-0 que lles valeu para chegar ao descanso cun favorable 18-8 campando no taboleiro de marcas.

Tras o paso por vestiarios os xogadores carballeses cerraron moito mellor a defensa polo centro provocando que os lanzadores rivais tivesen que tirar desde posicións máis escoradas que no primeiro tempo. Así permitiron a Kike, que acababa de tomar o relevo na portería, desviar os primeiros intentos dos artilleiros locais, pero as precipitacións en ataque e as erróneas seleccións nos tiros provocaron que en vez de acurtar distancias, estas aumentasen. Así no minuto tres Iago Cuadrado establece a máxima diferenza do partido en doce goles cando fai subir ao marcador o 20-8. Intercalando varias paradas dos gardametas de ambos os dous equipos, o Xiria e capaz de combinar dúas accións que permiten a Ramón desde o pivote volver deixar as cousas tal como no comezo deste segundo acto. 20-10 reflicte o electrónico aos seis minutos da reiniciación. Con diferenzas de nove ou dez goles vai transcorrendo o encontro ata o minuto 59 en que o carballés Jesús (ao cabo máximo goleador do evento) anota o 25-16. Koustov, probablemente mancado nunha perna, cede o posto na portería a Pablo que non vai desentoar acuñando unha actuación bastante meritoria. O avultado do marcador e o cansazo nas veteranas filas chapeleiras permite crear varios contraataques (algún desaproveitado) e xa con mellores circulacións de balón o Calvo Xiria consegue facer moito dano desde os extremos. Tanto Álex Zas no lado esquerdo como o supercorreúdo Jesús no dereito conseguen anotar con sorprendente facilidade. Con esta tónica chégase ao minuto cincuenta e seis cun 26-20 alumeando no taboleiro de marcas. Despois dun intercambio de goles nos compases finais do choque, o Calvo Xiria xa quedou sen tempo para tratar de maquillar un pouco máis o resultado que definitivamente quedou establecido en 29-23 (a mesma renda da temporada pasada).

A vindeira semana O Calvo Xiria fará a súa estrea no pavillón da zona escolar recibindo ao conxunto avilesino “Toscat Atlética” que vén de empatar na súa cancha co recentemente ascendido Bm. Lavadores de Vigo.