Primeira vitoria do HVU Xiria na Liga Ouro

As nosas xuvenís volven da Cañiza cos dous puntos (24-32) nun encontro no que dominaron dende o comezo.

O HVU Xiria chegaba case sen rotación ó encontro contra o Serfis BM Cañiza tan só dúas semanas despois do empate entre ambos conxuntos no playoff. Calquera parecido entre os dous partidos foi pura coincidencia. Este sábado as nosas saltaron á pista moi series en defensa, cun 5:1 que permitiu recuperar moitos balóns nos primeiros compases e acadar opcións claras no contraataque.

Cunha renda de sete goles ó descanso, o equipo da Cañiza non conseguía reducir a distancia e as carballesas atopábanse moi cómodas en todas as fases do xogo. O dominio do Xiria foi total, malia que na renda final o cansancio e unha certa relaxación non permitían aumentar máis a distancia no marcador.

Vitoria, primeiros dous puntos e moita confianza para o HVU Xiria de cara os vindeiros encontros. A próxima semana visita Carballo a SAR Rodavigo que ven gañar con solvencia ó UB Lavadores.