Tubasys vence son solvencia tras un mal comezo

Tubasys vence son solvencia tras un mal comezo

Un Tubasys con importantes ausencias xogaba de novo ante o Xallas no Fogar, pero esta vez as de Santa Comba viñeron cos deberes feitos e optaron por unha defensa individual para sorprender. O mesmo sistema defensivo que utiliza habitualmente o Xiria foi empregado contra elas e surtiu efecto nos primeiros minutos. Pola contra o Tubasys estaba excesivamente brando en defensa e non impedía os 1×1 do Xallas por falta de intensidade, o que traduciuse nun intercambio rápido de goles que non beneficiaba a ninguén.

Pouco a pouco o Xiria medrou en defensa para aportar maior fortaleza no contacto e recuperar máis balóns, o que propulsaba a diferenza durante toda a primeira metade. As rotacións no banco local deron un rol importante ás alevíns, que responderon con decisión na súa adaptación ó balonmán sete.

Cunha dilatada marxe no marcador (26-13), as rapazas do Xiria voltaron á pista relaxadas e foron incapaces de atacar o cambio defensivo a 5:1 proposto polo Xallas, forzando un tempo morto para modificar o ritmo lento do ataque. Aumentando a velocidade de transporte de balón e chegando a espazos exteriores mediante a progresións e bloqueos de pivote, o Tubasys atopaba de novo a meta desprotexida das visitantes para seguir poñendo terra de por medio ata chegar ó remate dun encontro marcado pola rotación de roles e reparto de esforzos.

TUBASYS XIRIA 48 – 27 BALONMAN XALLAS FC