Un Laber Xiria pouco competitivo cae fronte ao Carballal
Carácter competitivo, iso foi o que lle faltou ao Laber Xiria en moitos momentos do encontro ante a A.D.Carballal. O conxunto de Carballo deu moitas facilidades a un rival que…

Carácter competitivo, iso foi o que lle faltou ao Laber Xiria en moitos momentos do encontro ante a A.D.Carballal. O conxunto de Carballo deu moitas facilidades a un rival que se mostrou máis ambicioso desde o principio e dominou os sesenta minutos sen excesivos abafos ante os verdinegros.
O partido comezaba co equipo local superando unha e outra vez a defensa 6:0 dos de Xiria, que se mostraban cun ritmo inadecuado ante o seu rival. As basculacións eran excesivamente lentas, non existían os contactos e no 1×1, os olívicos sempre saían vencedores. A falta de profundidade defensiva ante os laterais lanzadores era outro dos males que pasaba factura á retagarda carballesa, que continuaba facendo augas agora cun sistema 5:1. A pesar de todo, o rival tampouco estaba acertado no seu area e cando o Laber Xiria xogaba con algún procedemento de inicio e conseguía dar continuidade á pelota, os espazos aparecían sen maiores problemas. O encontro estaba a ser tan frío como a mañá de Vigo e o 16-15 ao descanso era o único que mantiña a atención dos seareiros alí presentes.
Foi na segunda parte e cun 3-1 de saída para os locais, cando os bergantiñáns presentaron a sua peor faciana, dándose por vencidos con tres goles abaixo e 25 minutos por xogar. Foron estes os momentos máis plácidos para o Carballal, que chegou a adiantarse sen practicamente esforzo por cinco goles (24-19 e 26-21). O partido entraría entón nun feo período de letargo, mostrando os dous equipos un xogo cheo de imprecisións e carente de aspectos colectivos. O ritmo, falto de intensidade, favorecía os intereses locatarios que se vían a tan só dez minutos de conseguir o obxectivo. Foi entón cando o cadro bergantiñán, despois dun tempo morto a falta de sete minutos e con 4 goles abaixo, tentou dar un envorco á situación. Saíu entón o Laber Xiria con Andrés Urbieta sobre a zona dereita do Carballal, buscando maior presión e profundidade defensiva e conseguíuse o roubo de varios balóns que achegaba ao equipo ao seu rival, pero a debilidade na liña da retagarda verdinegra, non facía posible culminar unha remontada que quedaba nun simple simulacro.
Carballal: 30 (16+14). Julio, Lois Castro, Oscar Otero (12), Mario González, Brais Otero (3), Roberto Romero, Lucas Castro, Iago Martínez (2), Brais Fernández, Abraham Antón, Pablo González, Samuel Barciela (6), Guillermo Fernández (6), Carlos (1), José M. Chao, Roi Gallego..
Laber Xiria: 27 (15+12). Samuel Castiñeiras (p), Diego Lema (p), Santiago Oreiro (1), Iago Rincón (3), Francisco Rey (5), Renzo Díaz (1), Andrés Vila (11), Roi Alfeirán (2), Daniel Trigo (1), Andrés Urbieta (1), Manuel Sánchez (1), Iker Martínez (1).
Parciais 5´: 4-2/5-3/9-6/13-10/13-13/16-15/Descanso/19-17/22-19/24-19/26-21/28-25/30-27
Colexiados: Alberto Fernández e Silvia Vázquez. Sen complicacións.
Incidencias: Encontro da 8ª xornada da División De Honra xuvenil disputado no Pavillón de Loureiro ante un centenar de seareiros de ambos os equipos.


