O pasado domingo viaxaba o Xiria B ata Narón para disputar un importante partido, primeiro contra segundo. O partido poñía en xogo dous puntos que se arrastraban á segunda fase para a cal os dous equipos xa estaban clasificados.
A ESPERANZA COMIDAS BAR BALONMÁN NARÓN 19 – CALVO XIRIA B 27
O partido comezaba con moito dinamismo con un Calvo Xiria B con unha defensa moi solvente que se reforzaba con unha portería a un gran nivel. Esto propiciaba recuperacións e rápidas contras pero xa dende os intres iniciais se puido alviscar que non ía a ser un día de moito acerto de cara a portería rival dos carballeses. A falta de acerto no lanzamento penalizaba moito aos carballeses para distanciarse no marcador e, uns últimos minutos da primeira metade con un baixón de xogo facían que o partido aínda estivese aberto ao descanso 11-15.
Á volta do descanso o bo facer dende a defensa facía que pouco a pouco e aproveitando as boas accións ofensivas o equipo carballés fose poñendo distancia no marcador. Con un equipo con máis rotación da habitual o Xiria B conseguiu levarse o partido con tranquilidade a pesar de seguir aumentando os erros de cara a portería ata o final do mesmo.
A vitoria en Narón fai que o equipo carballés sexa o único que pasa a segunda fase con todos os puntos posibles. Por outra banda, unha moi boa noticia e a incorporación pouco a pouco no equipo dos xogadores que estaban mancados.


