¡DIRECTAS Á FINAL FOUR!

O Calvo Xiria gaña na pista da AD Carballal e remata a liga na terceira posición con dereito a xogar a Final Four.

Ambos conxuntos saían á pista inmersos nos nervios, coñecedores de que unha vitoria selaba o pase á Final Four. Cuns primeiros minutos de tanteo, non había un claro dominador do encontro cos dous equipos moi desaxustados en defensa. As accións de contraataque de Elena e Marta e a aportación da Aida nos primeiros minutos foi contrarrestada polo acerto da central local, Lara Fabián. A boa actuación de ambas porteiras desbarata calquera opción de distanciarse no marcador e chegábase ó descanso co equipo olívico un tanto por riba (12-11).

O comezo da segunda metade non sería doado para as carballesas, cunha xogadora excluída e co Carballal aumentando a distancia a dous tantos. Os folgos da afección e a eficacia en defensa serían os factores clave para acadar un parcial 0-5, poñer o 13-16 no electrónico e obrigar á adestradora local a solicitar tempo morto que serviu para frear a racha goleadora carballesa.

Volveron aparecer os nervios, o Xiria vía como o Carballal achegábase no marcador e como os erros de lanzamento ían cada vez en aumento. Chegados ó minutos 24 da segunda metade, o empate 19-19 deixaba todo por decidir. As xogadoras confiaron máis que nunca, e o tanto de Marta e un gol espectacular de Alba que facía saltar a todo o banquillo sentenciaba un encontro que remataría 19-23.

Dar as grazas a todos os afeccionados desprazados que disfrutaron da merecida clasificación das nosas, froito de moitas horas de adestramento, que ten como premio a ilusionante loita por unha praza na fase de ascenso.

As nosas xogarán a Final Four a fin de semana do 23 e 24 de abril e mediranse ese sábado o BM. Reconquista con horario e sede aínda por confirmar.