Duro castigo para o Hierros Varela Urbieta en O Gatañal

As nosas xuvenís viaxaron o pasado sábado ata Cangas, no oitavo encontro da Liga de Ouro, para xogar contra un dos equipos máis en forma da categoría.

Dende o comezo, o Vitaldent Bm. Cangas atopouse máis cómodo no terreo de xogo, pero a brillante actuación de Lucía Lema en portería desbarataba os ataques cangueses. O HVU Xiria, sen acabar de amosar todo o seu potencial, conseguía estar vivo no partido a pesar das constantes perdas e chegaba ó descanso co marcador de 11-8.

Á volta dos vestiarios as carballesas recibiron un auténtico vendaval. A contundente defensa 6:0 local afogaba os intentos da nosa primeira liña e as sucesivas paradas terminaron por afundir ó equipo. Tan só catro goles na segunda metada dan boa conta do poderío da defensa do Cangas que foi claro e xusto gañador do encontro.

O HVU afronta o parón de Nadal co obxectivo de revertir os malos resultados das últimas tres xornadas que non reflexan o  gran traballo e mellora amosada nos adestramentos.