O Hierros Varela Urbieta asina un dos partidos máis regulares a pesar da derrota

O Hierros Varela Urbieta, enfrontábase o pasado sábado a un dos fanfurriñeiros da categoría, a SD. Teucro Clínica Veterisaude. As pontevedresas, cunhas xogadoras de capacidades físicas sobresaintes, son un conxunto temible e potente, capaces de competir polos primeiros postos desta División De Honra en categoría cadete.

Con esta presentación, era evidente que o Hierros Varela Urbieta non se enfrontaba ao mellor rival posible para conseguir os dous puntos en xogo, pero si para competir, poñerse a proba e demostrar fronte a un gran equipo que son capaces de realizar cousas moi positivas en canto ao seu xogo ao longo dos sesenta minutos de partido. Neste sentido, as bergantiñás asinaron un dos mellores encontros da actual campaña e saíron ao 40×20 do CEIP Fogar sen ningún complexo e cunha actitude e intensidade fantásticas, secundadas cunha boa continuidade da pelota no ataque posicional e unha óptima mobilidade de todas as participantes no envite.

Tal era a concentración e o bo facer demostrado, que as de Xiria entraban no meridiano do primeiro acto aguantando o ritmo frenético de tan serio rival e sen perder a cara ao partido (8-10). Aos vinte minutos deste primeiro acto, as bergantiñás continuaban resistindo con bo xogo e tentando combater as múltiples dificultades que entrañaban a defensa de cada xogadora rival na retagarda (9-13) e foi só, no últimos dez minutos deste primeiro período, canto as do Teucro conseguiron facer un parcial importante que as afastaba no electrónico. O maior fondo de banco das visitantes tomaba especial relevancia nos instantes nos que a fatiga comezaba a facer efecto e a diferenza ao descanso era a maior ata o momento (10-22).

Sen prestar excesiva atención ao marcador, as locais saíron coa mesma intención e actitude á pista colexial, coa intención de seguir competendo e mellorar os algarismos na segunda parte. Ninguén baixou os brazos en ningún momento e cada xogadora do Hierros Varela Urbieta mantiña a mesma concentración e actitude que no minuto un. O que fallaba agora, como é normal, era o cansazo, que se acumulaba nas pernas das xogadoras debido ao gran esforzo e ao ritmo de partido ao que foran sometidas.

Ao final e a pesar da contundente vitoria do conxunto teucrista, as sensacións e o xogo despregado polas mozas de Carballo deixa máis que satisfeitos a todos os alí presentes, unha entrega encomiable das xogadoras de Xiria e moitos minutos de bo xogo que convidan o optimismo nesta segunda parte da tempada, máis tendo en conta, as catro baixas de importancia coas que conta o Hierros Varela Urbieta.

Hierros Varela Urbieta: 20 (10+10). Lucía Lema (p), Elena Collazo (p), María Patiño (2), Nerea Varela (5), Stefanía Landri, Lucía España (3), Anna Mª Hernández (2), Natalia Cancela (1), Lara Otero (5), Uxía Suárez, Coral Ruibal, Marta Gómez (2).

Teucro Clínica Veterisaude: 43 (22+21). Raquel Castro, Mencía Lorenzo, Natalia Solla (6), Candela Casal, Antía Fdez (4), Raquel Santomé (5), Mara González (12), Aroa Vieitez (4), Paula Comendador, Marta García (4), Naira González (1), Noelia Solla (1).

Paciais 5´: 2-5 / 4-9 / 8-10 / 9-13 / 10-18 /10-22 / Descanso / 11-26 / 12-29 / 14-32 / 15-24 / 16-39 / 20-43 Final.

Colexiado: Iván Hernández. Ben en liñas xerais. Non influíu no resultado final.

Incidencias: Encontro correspondente a 14ª xornada da 2ª volta na categoría DH Cadete Feminina disputado no pavillón CEIP Fogar o pasado sábado. Cerca de cincoenta persoas que puideron ver o bo partido das rapazas do Hierros Varela Urbieta.