Un Hierros Varela Urbieta pouco competitivo cae ante o Soapel Lavadores

https://www.youtube.com/watch?v=AwrH0IRHT6M&feature=youtu.be
 
O Hierros Varela Urbieta, caeu o pasado sábado por un contundente 26-45 ante o conxunto olívico do barrio de Lavadores. Aínda que é certo que o equipo da cidade de Vigo é superior ás de Carballo a día de hoxe, como así o marca a táboa clasificatoria, non é menos certo que a ausencia de carácter competitivo penalizou en demasía a un Hierros Varela Urbieta, que debería de amosar unha intensidade maior, especialmente na segunda parte.
 
As de Xiria comezaron cun ton demasiado baixo o encontro, sumando algúns erros consecutivos que facilitaban en demasía as cousas a un equipo xa de seu con maior potencial. A pesar do 1-6 inicial, houbo unha reacción das bergantiñás, que no paso polo meridiano deste tempo achegábanse a tan só dous goles (7-9). As xogadoras do Xiria manterían o tipo nun final de primeira parte na cal, as visitantes seguirían aumentando a renda ata o 12-18 que daba paso ao tempo de descanso. Unha primeira parte digna que non facía presaxiar o afundimento do segundo acto.
 
Non comezou mal o Hierros Varela Urbieta nos instantes iniciais da continuación e de feito, conseguiría un parcial gañador de 3-2 no primeiros cinco minutos que reducirían a diferenza a cinco goles (15-20). Foi a partir de aquí cando o afundimento foi total e cando, co paso dos minutos e a medida que a vantaxe das olívicas ía crecendo, as de Carballo baixarían os brazos e renderíanse totalmente ao seu rival.
 
Un partido que debe de servir como lección e aprendizaxe para as nenas do Hierros Varela Urbieta no seu camiño por elevar o seu nivel competitivo esta tempada.
 

Hierros Varela Urbieta Xiria. 26 (12+14). Lucía Lema (p), Helena Collazo (p), Natalia Cancela (5), Lucía España (3), Valeria Figueroa, Marta Gómez (1), Anna Mª Hernández (5), María Patiño (3), Nina Pereira (3), Coral Ruibal, Nerea Varela (6), Uxía Suárez, Stefanía Landri.

Soapel Lavadores Vigo: 45 (18+27). Tania Gómez, Erea (3), Valery (3), Marta Rodríguez (4), Michelle Alejandra (2), Candela Franco (8), Alexandra Abalde (1), Paula Alonso (4), Lucía Álvarez (8), Sandra Alperi, Aroa Fdez (7), Africa Fdez (4), Judit Cid, Sofía Molares (1).

Colexiado: Iván Hernández. Estivo ben.

Incidencias: Sétimaa xornada da División De Honra en categoría feminina cadete. Partido celebrado na mañán do Sábado pasado no pavillón do CEIP Fogar ante cincoenta siareiros.