Xornada decisiva para Escolas Balonmán Xiria

Este sábado, ás 20:15, rende visita a Carballo o Acanor At. Novás. O que suporá un complicadísimo encontro para o Calvo Xiria, pois enfronte terá a un dos equipos que mellor plantel ten na 1ª Estatal con xogadores de contrastada calidade e experiencia, entre os que se atopa Ramón Suárez-Pumariega, xogador do Xiria até esta tempada e que xogará no Vila de Noia como visitante por primeira vez. Por si todo iso non fose suficiente, os do Rosal son sabedores que unha derrota os deixaría xa sen opcións para se achegar aos postos de fase de ascenso, polo que disputarán o partido como se dunha final se tratase. Mais os xogadores do Calvo Xiria non pensan máis que na vitoria, en acadar os puntos para se achegar ao obxectivo de clasificarse por segundo ano consecutivo para a fase de ascenso. Sabedores que para elo é preciso manter a concentración durante todo o partido, non conceder un gol sinxelo en base a anticiparse as accións do ataque rosaleiro e tratar de explotar ao máximo as contras. De seguro presentará o Vila de Noia un ambiente dos mellores da tempada para apoiar aos seus de cara a acadar os dous puntos en xogo.

Pola súa banda, as rapazas do Goldie Xiria xogarán o domingo, as 12:30 no pavillón Carballo Calero no que será o segundo derbi da tempada fronte o Bm. Camariñas. Importante partido para as bergantiñás que loitan por salvar a categoría.

Derradeira xornada na DH con moito en xogo para Escolas Balonmán Xiria, na que tentará tirar proveito de xogar no seu feudo, o Vila de Noia. O rival nesta transcendental ocasión será o mesmo nas tres categorías, a SD Teucro. Ás 10:00 o Garaysa Xiria infantil, xa clasificado para a seguinte fase, necesita puntuar para confirmar o segundo posto da clasificación que dá dereito a organizala. Partido de desgaste físico para os carballeses; sobre todo na parcela defensiva; contra un rival, que explota ao máximo as accións de 1×1 e 2×2. Non deixar xogar dentro dos 9 metros, anticipándose ás traxectorias dos xogadores e disuadir as liñas de pase co pivote serán as tarefas fundamentais para poder parar o ataque pontevedrés.

Segunda quenda para o Grupo Lemaco Xiria que a partir das 11:15 tentará seguir ca liña ascendente que está a amosar nas últimas xornadas, para escalar un posto na táboa clasificatoria e rematar a liga nunha máis que meritoria sexta praza.

E as 12:30 disputa o Laber Xiria unha verdadeira final, o partido de ser ou non ser para os carballeses, e enfronte terán un rival que tamén se xoga todo a unha carta.No cadro carballés, Carlos Vilanova será duda.