Contundente vitoria do Calvo Xiria ante o Calmear Rasoeiro BM

Non había cabida para a relaxación e a confianza ante un conxunto, o Calmear Rasoeiro, que dadas as súas urxencias na táboa podía mostrarse como un equipo perigoso ante un posible descoido do Calvo Xiria. De feito e ante a pasividade inicial da defensa local, os do Grove adiantábanse cun 0-2 nos primeiros compases. Foi só un espellismo, xa que os bergantiñáns reaccionaron a tempo e aumentando a intensidade defensiva e facendo da velocidade ao contragolpe o seu mellor aliado, colocábanse cun incontestable 10-3 no minuto 15. A diferenza de sete goles manteríase ata o tempo de descanso e o Calvo retirábase aos vestiarios cunha cómoda vantaxe (18-11).

Na segunda parte, con algúns cambios de xogadores, a saída dos de Carballo volvía ser fría e irregular, feito que aproveitaban os visitantes para achegarse ata os cinco goles de diferenza. De novo necesitaba o Calvo Xiria uns minutos para quentar motores, pero unha vez establecida a velocidade de cruceiro, os carballeses non farían senón incrementar os seus algarismos e as diferenzas que se situarían nos trece goles ao termino do definitivos trinta minutos (38-25).

Destacar a recuperación da súa lesión por parte de Gabriel Castiñeiras, que lle tivo apartado do terreo de xogo o últimas nove semanas e os trinta minutos xogados polo xuvenil Fran Rey cunha actuación máis que notable.

Nova vitoria polo tanto do Calvo Xiria que fai posible descontar unha xornada máis e manter as diferenzas con respecto aos seus perseguidores nesa segunda praza da táboa clasificatoria.

Calvo Xiria: 38 (18+20). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (5), Gabriel Castiñeiras (2), Julián López, Brais Puñal (2), Fran Rey (2), Pablo Iglesias (7),Juan Carlos Rodríguez (4), Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas (4), Alejandro Calvete (1), Sergio Facal Fariña, Chimpo (2), Miguel Suárez – Pumariega (4).

Calmear Rasoeiro BM.: 25 (11+14). Angel Noya, Diego Fernández, Ignacio Otero (1), Omar Mosquera (5), Álvaro Iglesias (7), Javier Noya, Martín Caneda (3), Sergio Iglesias (4), Francisco M. Parada, Borja Silva (2), Adrián Besada (2), Ardrián Mouco (1), Adrián Fernández.

Parciais cada 5´: 3-2/7-3/10-3/14-6/17-9/18-11 /Descanso/21-15/26-18/30-21/32-23/35-24/38-25/Final.  

Colexiados: Alberto Ramos e Lucas Crespo. Sen complicacións.

Incidencias: 24ª xornada do campionato da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Vila De Noia de Carballo ante trescentos seareiros.