O Calvo Xiria derrota á SAR e pode terminar o ano como líder

Viaxaba o Calvo Xiria ata Redondela para enfrontarse no día de onte á SAR. A pesar da diferenza de postos na táboa clasificatoria entre os dous equipos, o Calvo non podía acudir á cita sen a tensión competitiva debida, ante un rival que no último mes presentara unha melloría evidente no seu xogo e que fora capaz de dominar recentemente á todopoderoso Atl. Novás, nunha contenda que terminou en táboas. Os precedentes, suficientes para que os carballeses eliminasen calquera tipo de confianza neste envite, foron neste caso aliados do conxunto visitante, que saíu ao parquet do pavillón Mpal A Marisma coa intensidade e a concentración adecuada.
Sorprenderon os locais na súa saída sen porteiro e con sete xogadores de campo, pero a boa defensa bergantiñá en colaboración coa portería, lograba frear o ataque do seu rival e conseguir, nos primeiros cinco goles a favor, dous a portería baleira. A retagarda mostrábase contundente, tanto en 6:0 como en 5.1 cun Juanca pletórico no avanzado. A velocidade no contragolpe daba excelentes réditos e o ataque posicional mostrábase solvente cunha fluída circulación de balón e unha alta eficacia no lanzamento. O marcador no descanso plasmaba o bo traballo dos de Carballo e deixaba o encontro practicamente finiquitado (8-19).
A segunda parte foi un mero trámite e aínda que hai que destacar o carácter competitivo dos“ choqueiros”, que conseguiron un parcial gañador neste acto, o Calvo Xiria exerceu de dominador no xogo, controlando os tempos ante as dúas mixtas propostas polo técnico local.
Estes dous puntos permiten ao Xiria afrontar o partido da semana que vén ante o líder como unha oportunidade para, en caso de vitoria,  pasar a liderar o grupo A de 1ª nacional e por tanto afrontar o parón do Nadal no máis alto. Non será tarefa fácil ante o notable potencial dos Rosaleiros, pero o Calvo Xiria parte coa ilusión de ofrecer a sua mellor faciana para derrotar a este duro rival.

SAR Plastic Omnium. BM: 21 (8+13). Manuel Piñeiro (1), Juan A. Araujo (6), Yeray Soutullo (1), Brais Monroy, Francisco Javier Vidal (2), Pablo González, Gabriel Pazos (1), Carlos Rey (3), Daniel Román (5), Sergio Táboas, Iván Vázquez, Lois Lago, Daniel Pereira, Iago Vidal (2), Nicolás Manuel Nantes, Miguel Couñago.

Calvo Xiria: 31 (19+12). Iago Gómez (p) (1), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras (2), Julián López (2), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (8),Miguel Suárez-Pumariega, Juan Carlos Rodríguez (5), Manuel Méndez (5), Jorge Bouzas (2), Alejandro Calvete (2), Sergio Facal Fariña (1).

Parciais cada 5´: 1-3/3-7/4-10/7-14/8-16/8-19/Descanso/10-21/12-24/14-26/17-27/17-29/21-31/Final.

Colexiados: Laín Montes Grande e Javier Quesada Gutierrez. Estiveron aceptables.

Incidencias: 13ª xornada da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Mpal A Marisma ante un centenar de seareiros.

  • Copiar