3º posto na Final4 para o Nordata Xiria

SEMIFINAL, SÁBADO ÁS 19:00h

NORDATA XIRIA 22 – 23 SAR RODAVIGO 

Xogábase en Tarrío a segunda semifinal feminina, onde o Nordata Xiria buscaría un pase á final desta Final4. Comezaban o encontro ambos equipos con moitos nervios e inseguridades, pero co paso dos minutos xa deixaban ver o seu bo xogo, deixándonos unha semifinal moi igualada ata o final. Na primeira parte o Nordata soubo ler ben a defensa rival e rematar con lanzamentos claros de cara a portería, pero tivo que producirse un cambio no sistema defensivo, pois estaban a ser superadas nos 1×1 e necesitando axudas para tapar ocos, o que deixaba sempre unha xogadora con espazo para lanzar. Chegábase ao descanso 13-12 a favor das de Carballo. 

Durante a segunda parte o encontro mantívose bastante igualado, e de cara ao final os nervios volveron a aparecer nas xogadoras do Nordata, que deron a cara ata o final e non baixaron os brazos en ningún momento. Logo dun encontro tan igualado remataba o partido decantándose polo equipo da SAR nos últimos intres. 

Nordata Xiria: Ana Velo, Sara Trigo, Lucía Castiñeiras (2), Natalia Varela (8), África Gómez (3), Mara Vidal (2), Inés Cabeza (1), Zaira Longueira (1), Aroa Lista (1), Eva Vidal (4), Sara Pallas, Alba Mourelle. 

 

 3º-4º POSTO, DOMINGO ÁS 10:30h

TECNOSAT BM. CANGAS 21 – 25 NORDATA XIRIA 

Xogábanse o domingo en Tarrío o 3º e 4º posto os dous perdedores da semifinal do sábado. Ambos equipos foran derrotados pola mínima en ambos encontros, polo que se prevía un partido de novo igualado. E así foi, encontro moi igualado que non se decidiría ata os últimos minutos. Chegábase ao descanso 13-14 a favor das do Nordata, despois dunha primeira parte na que ambos equipos sacaron as súas mellores armas en ataque e deron un recital de bo xogo. 

As de Cangas saíron coas pilas cargadas na segunda parte, pero non foron quen de parar os ataque con moito ritmo do Nordata Xiria, que estaba a demostrar que o traballo de todo o ano dera os seus froitos. Ademais as verdinegras estaban a desfrutar do balonmán nese último partido da Final4, o que lles facía aínda máis fácil xogar coa soltura á que nos teñen acostumados. 

Finalmente as do Nordata Xiria remataron con vitoria este 3º-4º posto da Final4, na que tanto o Cangas como o Xiria loitaron ata o final. 

Nordata Xiria: Ana Velo, Sara Trigo, Lucía Castiñeiras (4), Natalia Varela (12), África Gómez (4), Mara Vidal (3), Inés Cabeza, Zaira Longueira, Aroa Lista, Eva Vidal (1), Sara Pallas (1), Alba Mourelle.