Un encontro de alta intensidade e con moito ritmo, con continuos intercambios no marcador onde o Calvo Xiria fixo un parcial de 9 a 13 nos últimos 20 minutos de partido que lle levaron á vitoria.
O inicio do partido estivo marcado polo acerto goleador dos locais e as paradas de Mateo Pallas (8 a 6, min.10). O Calvo Xiria axustaba a selección de lanzamentos nun ataque posicional fluído e onde todos os xogadores entraron na rotación, o que outorgaba ao partido un ritmo trepidante para deleite dos afeccionados. Ao descanso chegábase con 17 a 18.
Tras o paso por vestiarios, un mal inicio de cadro bergantiñan, excesivamente brandos na parcela defensiva, e perdendo velocidade de xogo en ataque; levaballes a ceder no balance defensivo demasiados goles ao mozo conxunto de Cangas que en 5 minutos levaban vantaxe de 3 goles cunha parcial inicial de 6 a 2 (23 a 20, min 35).
Tocaba poñerse o mono de traballo para sacar adiante un partido que se lle puxo costa arriba ao Calvo Xiria. O equipo subiu a intensidade, recuperou a fluídez e chegados ao minuto 43 conseguían empatar o encontro a 26 goles. Eran momentos bos para un Calvo Xiria que de novo, grazas ás rotacións lograban manter o ritmo de xogo e distanciarse a falta de 5 minutos poñendo o 30 a 34. Pero Luceros, apertaba o resultado cos movementos sen balón dos seus extremos que desaxustaban a boa defensa do Xiria e atrás cunha defensa máis presionante que obrigaba ao xogo sen balón en ataque dos de Carballo.
A falta de 2 minutos; Chimpo transformaba uns 7 metros (33 a 35) que case sentenciaba o choque. Pero Javier Iglesias, recortaba diferenzas tamén desde os 7 metros. Calvo Xiria e Luceros erraban nos seus seguintes ataques e o marcador quedaría en 34 a 35 para o Calvo Xiria que unido á derrota de Bueu; outorgan ao Calvo Xiria a sexta praza da clasificación de forma matemática.
A semana que vén, será a última xornada de liga. Poderemos gozar dun Calvo Xiria contra Lirón SD Teucro, o sábado ás 19:00 nun Vila de Noia; que despedirá tamén a un dos xogadores máis queridos da afección; Hugo Rodríguez (Chimpo).
Automania Luceros (17+17): Mateo Pallas (p), Javier Fernández (p), Alexandre Gallego (1), Martín Fuentes (4), Adrián Bernárdez (9), Mauro Sotelo, Manuel Rodríguez, Iago Fonseca, Danis Iglesias (2), Javier Iglesias (6), Manuel Pérez, Gael Blanco (7), Rubén Augusto (1), Iago Iglesias (1), Juan Rodríguez (3).
Calvo Xiria (15+16): Alejandro Vázquez (p), Darío Calviño (p), Aarón Rodríguez (3), Gabriel Castiñeiras (2), Julián García (3), Chimpo Rodríguez (11), Daniel Periscal (6), Diego Antelo (2), Jorge Bouzas, Rubén Anes (1), Mario García, Carlos Varela (2), Marcos Amarelle (1), Mario Cancela (2).
Árbitros: Fernando Iñan e José Manuel García
Marcador cada 5 minutos: 3-1, 8-6, 8-9, 9-11, 12-15, 17-18, (descanso), 23-20, 25-22, 28-27, 29-30, 30-34, 34-35 (final).
Incidencias: Partido correspondente a 29ª xornada do Grupo A da Primeira Nacional, disputado no pavillón O Gatañal (Cangas).