O Calvo Xiria vence ao Porriño e alcanza posicións de privilexio

O Calvo Xiria recibía no día de onte ao BM. Porriño nun duelo que resultou desigual, tal e como xa anunciaba a táboa clasificatoria, cos dous conxuntos situados nos polos opostos, os carballeses terceiros, a un punto do líder e os de Porriño penúltimos, a un punto do peche.
O resultado de tal envite converteuse nun efrontamento frío, con pouco ritmo, onde o Calvo dominou con absoluta superioridade, a pesar de mostrar unha intensidade media ao longo de todo o partido. Foron especialmente espesos os primeiros instantes, onde os bergantiñáns non transformaban os sinxelos lanzamentos desde os seis metros e estrelábanse unha e outra vez fronte ao meta visitante. O BM. Porriño aproveitaba os erros do equipo de Carballo que hoxe vestía ca nova equipación  negra e verde, para manter as táboas nos primeiros 10´ (2-2).
Era cuestión de tempo que os carballeses atopasen o camiño correcto fronte á portería rival e desa maneira afianzasen no electrónico o evidente dominio mostrado no seu xogo. Así foi como entre o minuto 10 e o 15, un 5-1 de parcial rompía definitivamente o partido e deixaba un escenario plácido para o conxunto de Xiria que xa gañaba ao descanso por un contundente 15-7.
O segundos trinta minutos transcorreron con absoluta comodidade para o Calvo Xiria, fronte a un BM. Porriño que se mostraba impotente ante a retagarda carballesa. As diferenzas seguiron aumentando na continuación e a vitoria final deixaba ao Calvo durmindo como líder despois da derrota do BM. Lalín en cancha do OAR e á espera do partido de hoxe Domingo entre o Teucro e o ATL. Novás. A xornada pechábase no mediodía deste Domingo coa vitoria dos do Rosal en Pontevedra, que deixa a estes como líderes, empatados a puntos cos de Carballo que se sitúan segundos pola diferenza de goles.
A semana que vén celebrarase unha xornada vibrante cos enfrontamentos do BM. Lalín e o Calvo Xiria (Sábado 18:30h – Lalín Arena) e o ATL. Novás – Construcións Castro Octavio, entre outros. O Calvo Xiria deberá de realizar un encontro perfecto en todas as facetas, sen fisuras nin erros se quere impoñerse nunha pista tan complicada ante un rival que atesoura un cadro de persoal de tanta calidade.

Calvo Xiria: 29 (15+14). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras (1), Julián López (2), Brais Puñal (2), Fran Rey (1), Pablo Iglesias (9), Hugo Rodríguez (1), Juan Carlos Rodríguez (3), Manuel Méndez (3), Jorge Bouzas (4), Alejandro Calvete.

BM Porriño: 16 (7+9). Fermín Bagaza (1), Martín Dávila (3), David Moreiras (1), Gabriel Isidro (1), Sergio Fandiño, Alejandro Pereiro (3), Arán Rodríguez, Alejandro Freire, Diego Pérez (5), Samuel Diéguez, Sergio Pereira (1), Nahum Pérez (1).

Parciais cada 5´: 2-1/3-2/7-3/9-5/12-7/15-7/Descanso/16-11/19-11/22-13/24-15/27-16/29-16/Final.

Colexiados: Pablo Castellanos e Santiago Piñera. Estiveron ben.

Incidencias: 10ª xornada da 1ª nacional masculina celebrada no pavillón Vila De Noia ante un centenar de seareiros.