Dous puntos no derbi provincial para iniciar a liga

Iniciou a liga de 1ª Estatal o Calvo Xiria acadando os dous puntos en xogo, logo de vencer ao OAR na Coruña por 18 goles a 26.

Saíron moi centrados os xogadores carballeses nas tarefas que tiñan que desempeñar, non permitindo que os locais se puidesen asentar no partido. Un 3-0 de parcial de saída abriu o camiño a unha vitoria apoiada na solidez defensiva e no tino no ataque posicional. Cando ían quince minutos o electrónico xa reflectía un 3-9 a prol dos verdinegros que non baixaron o seu nivel de xogo, a pesares de que no minuto 24 xa tiña a Sergio Facal e Brais Puñal con dúas exclusións cada un. O traballo dos seus compañeiros en tarefas defensivas permitiu que non fose un lastre o seu obrigado descanso até ben entrada a segunda parte. No plano ofensivo a disciplina no xogo e a achega de todos os xogadores fixo que o partido no descanso estivese practicamente visto para sentenza.

No segundo tempo o Calvo Xiria manexou diferenzas entre os seis e dez goles, levándose merecidamente a vitoria nun partido no que amosou un bo xogo, tanto no colectivo coma no individual.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón San Francisco Javier con preto de 250 seareiros nas bancadas, entre os cales se atopaba un bo número de carballeses. Colexiados: Omar Fernández Pérez e Tomás Fernández Merino do colexio de Castela e León. Castigaron con exclusión polo OAR Coruña a Pedro Iglesias (21´), Carlos Martín (29´), Carlos Cintelles (36´, 45´, 49´) namentres polo Calvo Xiria foron sancionados Sergio Facal (8´, 24´) Brais Puñal (11´,16´), Martín Alfeirán (23´). 7 metros: OAR Coruña 3//3  Calvo Xiria 2//2 . Marcador cada 5 minutos: 1-3, 2-6, 3-9, 5-12, 6-14, 8-15, descanso, 10-18, 11-20, 14-21, 15-21, 16-24, 18-26.

OAR Coruña 18 (8+10): Daniel Buño [p], Alejandro Naya [p], Carlos Cintelles, Víctor Couceiro (3), Borja Tajes (1), Daniel Angeriz (2), Yoel García, (2), Carlos Martín, Pedro Iglesias (2), Sergio Sarasola (3), Ignacio Suárez, Diego Martínez (2), Daniel Picado, Alfonso Fraga, Aresio Rosende (2), Raul Sarasola (1).

CALVO XIRIA 26 (15+11): Santiago Gómez [p], Antonio Mato [p], Alejandro Calvete (4), Brais Puñal (1), Manuel Méndez (1), Sergio Facal (2), Uxío Batán, Martín Alfeirán (3), Julián López, Gabriel Castiñeiras, Andrés Vila (1), Jorge Bouzas, Pablo Iglesias (5), Javier Rodríguez (2), Miguel Suárez-Pumariega (1), Hugo Rodríguez (6).