O Calvo Xiria non consegue dar a sorpresa ante o líder

Un intratable Asmubal Meaño, invicto ata  o momento na clasificación, acadou os dous puntos nun vibrante encontro que non se decidiu ata o final.

Co son das Tanxugueiras saltaban ambos conxuntos ó 40×20 no único momento festivo do encontro. Dende o pitido inicial, a dureza defensiva de ambos 6:0 marcaría a tónica xeral. O bo xogo carballés víase lastrado por sucesivas exclusións que impedían o despegue no marcador local. A boa actuación de Nadia en portería e as boas accións colectivas no ataque posicional abondaban para resistir ás individualidades meañesas a chegar ó descanso cun resultado de 14-14.

Á volta dos vestiarios, o Meaño mantivo o ritmo, mentres que o Xiria non se atopaba cómodo no ataque posicional. A entrada de Lara Otero aportou frescura na primeira liña, pero a renda xa era de tres tantos a prol das visitantes. Con todo, o Xiria non baixou os brazos e gozou de claras oportunidades dende os seis metros para igualar o encontro, pero os paos e a seguridade da porteira do Meaño impedían acercarse no electrónico. 

Resultado final 22-27 nun gran encontro das nosas que senta as bases da mellora do grupo ó longo das semanas. Agora lle espera unha semana de descanso ó equipo antes de afrontar o tramo final da primeira fase.