Os equipos femininos de E. BM.Xiria xogarán na máxima categoría do balonmán galego

Esta pasada fin de semana, o Punta Del Este Xiria infantil e o Hierros Varela Urbieta cadete, ambos de categoría feminina, conseguían na localidade de Salceda de Caselas e Lalín respectivamente, o dereito para competir esta tempada na máxima categoría do balonmán galego, a División De Honra. Deste xeito, o club de Carballo consegue un éxito histórico para a entidade, con todos os equipos de base da mesma, tanto masculinos como femininos, inscritos nesta división.

A maiores e despois de celebrados todos os play- off das diferentes categorías, podemos dicir tamén que E. BM. Xiria é o único club de toda Galicia que leva participando na División de Honra cos seus tres equipos masculinos desde que esta se creou, outro dato que demostra o bo facer e a evolución formativa de xogadores e xogadoras nos últimos anos.

Xa metidos de pleno no fin de semana das rapazas de Xiria, falaremos do merito de dous connxuntos que están a amosar un crecemento enorme nos últimos tempos:

Punta Del Este Xiria (Infantil Feminino)

E.D.M Salceda 18-25 Punta del Este Xiria

BM Rodeiro 15-15 Punta del Este Xiria

Punta del Este Xiria: Catalina Magalhaes, Lara Hernández, Duna Barca, Leticia Santos, Sara Méndez, Cecilia García, María Porteiro, Sara Rial, Elena González e Nerea Figueiras.

Desprazouse esta fin de semana o equipo infantil femenino Punta del Este Xiria a Salceda para disputar os partidos do Play Off que daban acceso a xogar en División de Honra.

O primeiro partido, xogado na tarde do venres, enfrontou o equipo local, E.D.M Salceda e o BM Rodeiro. Partido que se decantou a favor do Rodeiro con un marcador final de 18-22.

Xa na mañán de sábado, entraba en acción o Punta del Este Xiria, que se media o equipo local. O partido comezou con un dominio claro do Salceda, que aproveitou a falta de concentración e a relaxación das xogadoras do Xiria para tomar as primeiras vantaxes no electrónico. Un tempo morto solicitado polas visitantes no minuto 10 de partido serviría para reaxustar tanto a defensa como o ataque e pouco a pouco o xiria iría recortando diferencias para chegar o descanso con vantaxe de 2 tantos. Na segunda metade, as visitantes aumentaron a súa intensidade en defensa, o que lle permitía recuperar balóns e correr o contraataque distanciándose no marcador ata chegar o final do partido con un claro 18-25.

Con este resultado, tanto o Punta del Este Xiria como o BM Rodeiroxa estaban clasificados para xogar en División de Honra, e o partido do domingo so servía para saber quén pasaba como primeiro de grupo.

Cos Play Off xa decididos, o que parecía que iba ser un partido tranquilo foi todo o contrario. Ambos equipos saíron dispostos a facerse co encontro e a igualdade reinou durante os 50 minutos. As carballesas conseguían continuamente parar os ataques das de Rodeiro, que se mantiveron no encontró grazas as magnificas intervencións da súa porteira que frustraba as claras ocasións das xogadoras do Xiria. O partido rematou con un empate 15-15 que supón o primeiro posto para o equipo de Carballo. Todo un logro para estas rapazas que quedan campionas do grupo e se manteñen na División De Honra cun equipo xusto de efectivos e mesmo con tres xogadoras de categoría alevín que tiveron una excelente participación e puxeron o seu gran de area para conseguir este gran obxectivo.

 

Hierros Varela Urbieta (Cadete Feminino):

Coreti Lalín – Hierros Varela Urbieta Xiria: 28-24

Rasoeiro BM – Hierros Varela Urbieta Xiria. 23-42

Hierros Varela Urbieta Xiria – EDM. Salceda. 24-15

As cadetes de Hierros Varela Urbieta comenzaban a súa participación o Venres, un día antes cas súas compañeiras infantis, xa que o grupo na que quedaban encadradas era de catro equipos, mentres que o das nenas do Punta Del Este era de tres.

O escenario era inmellorable, nun pavillón inconmensurable como o Lalín Arena e o rival do primeiro partido o conxunto local, un grupo de gran entidade ante o que o equipo de Carballo tivo serias dificultades.

Ben é certo que as miniguerreras de Xiria entraron de forma inmellorable no envite, endosando un parcial de 0-3 nos primeiros minutos ao seu rival que obrigaba ao adestrador local a solicitar o seu primeiro tempo morto. A defensa 5:1 estaba a funcionar de maneira sobresainte e as interceptacións de balón sumábanse a favor das visitantes. O control do partido era total por parte das bergantiñás, que se ían ao descanso cun resultado favorable de 12-15.

Non cambiaría demasiado o panorama nos primeiros minutos da continuación, aínda que co paso dos minutos, os erros non forzados comezaban a aflorar e polo tanto, as dúbidas no conxunto carballés. As de Lalín aproveitaban a incerteza para apertar as diferenzas e colocarse con vantaxe dun gol no meridiano deste tempo. A partir deste intre, o equipo de Carballo desaparecería do mapa e entraría, equivocadamente na procura de solucións individuais polas colectivas. O baixón anímico facíase evidente e nos últimos minutos as verdinegras quedarían a mercé dun equipo local que acabaría impoñéndose por un resultado de 28-24.

A primeira batalla caera ao lado das contincantes, pero quedaba moito aínda por xogar e todas as posibilidades seguían intactas. Neste contexto, as de Xiria non fallarían e deixando ao carón esa segunda parte do primeiro partido, completarían un torneo notable e regular, onde todas as nenas sumarían o seu granito de area a un obxectivo común.

Fronte ao BM. Rasoeiro e ás ED. Caselas, as bergantiñás tiveron unha reacción espectacular, especialmente no segundo partido onde superaron con moita solvencia ao bo conxunto do Grove (23-42), exhibindo un nivel defensivo moi alto.

O último día e xa fronte ás mozas de Caselas, o Hierros Varela Urbieta completou unha segunda parte soberbia, despois dun primeiro tempo igualado e de alternativas no marcador (10-10). Na continuación e dende a defensa, as de Carballo impúxeronse a un excelente equipo ao que deixou en tan só cinco goles nese segundo acto (24-15), conseguindo deste xeito o segundo posto do grupo e ese ansiado ascenso á División De Honra, categoría onde as nenas, a recado, terán un beneficio formativo a nivel competitivo.

Polo Hierros Varela Urbieta xogaron este play- off: Lucía España, Alba García, Elena Collazo ( p), Valeria Figueroa, Nina Pereira, Marta Gómez, Nerea Varela, Lara Otero, Anna Hernández, Uxía Suárez, María Patiño, Stefanía Landri, Lucía Lema ( p), Natalia Cancela. Tampouco nos esqueceremos de Coral, que se atopa de vacacións e especialmente de Candela Couto, que por unha grave lesión de xeonllo será operada o vindeiro martes. Desde E. BM. Xiria e desde o equipo cadete feminino, desexámoslle a “ Cande” unha pronta recuperación e esperamos volver tela canto antes connosco.