GRUPO LEMACO XIRIA 45 – LAS CINCO JOTAS LAVADORES 27

XORNADA 15

09/02/2013

Grupo Lemaco Xiria: 45 (26+19): Buño, Iván (11), Enrique (7), Diego (2), Calvo (2), Dani (4), Lolo (4) -equipo inicial – Manuel, Pereira (2), Álex, Andrés (2), Gabriel (6), Pablo (3), Borja (2).

Las Cinco Jotas Lavadores: 27 (10+17): Marcos, Adán (2), Ricardo (2), Xoel (3), Cristobal (6), Antón (4), Pablo (2) -equipo inicial- Aitor, Sergio (2), Carlos (2), Copena, Mariño (2), Aitor (2), Agustín.

Colexiados: Lucas Crespo e Pablo Álvarez.

Saíu a por todas o equipo de Carballo contra un rival que, a pesar de ocupar o último posto da táboa clasificatoria, soe ser un equipo competitivo e intenso. Pero os de Xiria, non querían desperdiciar a oportunidade de seguir na loita polos postos altos da clasificación e sabían que, para conquerir isto, non podían ceder máis puntos nesta liga. A saída foi fulgurante e no paso polo minuto dez, os locais xa dominaban no xogo e no marcador cun contundente parcial (10-4).

O equipo do Lavadores non era quen de frear as acometidas dos bergantiñáns que, no xogo de transición defensa–ataque, castigaba duramente a retagarda dos olívicos. A primeira liña dos de Grupo Lemaco perforaba unha e outra vez a portería visitante con ataques dinámicos, cheos de mobilidade e respostas solidarias por parte dos xogadores que remataban por atopar espazos efectivos para as penetracións ou os lanzamentos lonxanos. Despois desta primeira parte chea de intensidade, bo xogo e gran acerto cara a portería contraria, os rapaces de Carballo retirábanse o vestiario cun contundente 26-10 que practicamente daba por rematado o encontro.

Na segunda parte, os de Xiria controlaron perfectamente o tempo de xogo e mantiveron a distancia que se conseguira nos primeiros trinta minutos, aportando todos os xogadores convocados no día de hoxe, para que os dous puntos que manteñen a os do Grupo Lemaco na loita polos primeiros postos, quedaran na casa.

A próxima fin de semana, o Grupo Lemaco Xiria xogará unha verdadeira final para seguir aspirando a todo en caso de vitoria. A visita á pista do líder, o Balonmán Lalín, antóllase que pode ser un partido espectacular e vital para os interese dos dous equipos, aínda que os de Xiria xa non teñen marxe para ceder máis puntos.