IFECGÁS PEREIRA XIRIA 34 – BALONMANO PORRIÑO 20

Ifecgás Pereira Xiria:34 (16+18): Zúpez, Martín (8), Javi (4), Rubén Gómez (6), Edu (2), Álex (3), Bouzas (6) -equipo inicial- Mario (1), Calvete (3), Iván, David, Miguel (1), José.

Balonmano Porriño: 20 (8+12): Brais, Fabián (5), Manu (5), Roberto (1), Hugo (2), Samuel (3), Jorge (2) -equipo inicial- Xoan, Miguel, Gonzalo, Sergio (2), Dieguez.

Colexiados: Farruco Soliño e Andrés Bacelar.

Partido perigoso o que afrontaba o Ifecgás Pereira na xornada de domingo e despois de que perdera o seu primeiro encontro tan só corenta horas antes. Temíase polo estado anímico dos xogadores despois do inxusto do resultado do venres pero istes saíron como un furacán para non dar lugar a sorpresas, fronte un equipo que xa lles puxera as cousas moi difíciles no partido de ida en Porriño (31-32).

Comezaron os locais defendendo forte e con intensidade e correndo o contraataque, tal e como a eles lles gusta. Isto fixo posible que as distancias foran cómodas e incluso avultadas dende os primeiros minutos, e xa no remate do primeiro tempo o partido concluíra a prol dos de Xiria, 16-8.

Na segunda metade, o Ifecgás Pereira mostrouse igual de ambicioso e destapou a súa rabia contida contra o equipo porriñés. A defensa seguía a ser intensa e solidaria, axudada por unha boa achega na portería e nos ataques posicionais, a mobilidade de todos os xogadores propiciaba rápidas penetracións ata a liña de seis metros ou lanzamentos claros dende máis alá da de nove. Os contraataques en primeira ou segunda ondada ampliaban o marcador ata o 34-20 final que fai xustiza polo visto no día de hoxe.

A vindeira fin de semana, os carballeses viaxaran a Vigo para enfrontarse ao Lavadores, un excelente equipo que ocupa o sexto lugar da táboa clasificatoria. Sen dúbida,os de Carballo terán que facer un encontro moi serio para conseguir os dous puntos en xogo e seguir así comandando a clasificación a falta de oito encontros para o remate da liga.