Primeira de catro finais para Calvo Xiria

Complicado partido este sábado ás 18:00 no Vila de Noia para o Calvo Xiria na súa loita polo título de liga. Desta volta terá diante á SAR de Redondela, un equipo que, a pesares do que diga a clasificación, xa puxo en apuros aos carballeses na primeira volta e que sempre os fai traballar a reo para acadar algo positivo. Tratarán o Xiria de impor dende a defensa o ritmo de partido que mellor lle vai, facer que os de Redondela teñan que correr todo o partido é un dos obxectivos para o encontro. O apoio dos incondicionais seareiros carballeses será outra das armas nas que apoiarse para acadar os puntos en xogo.

Este fin de semana comeza a Copa Federación para o Laber Xiria. Os carballeses iniciarán esta competición cun prato forte: un novo derbi contra o BM. Ártabro en terras coruñesas. Todo o plantel estará dispoñible para a cita de este Sábado as 20:30 no pavillón Novo Mesoiro da Coruña. O Grupo Lemaco xoga esta fin de semana a 3ª xornada da Copa Federación, nesta ocasión recibe ao Bm. Tui o domingo ás 10:30 no Vila de Noia. Os cadetes do Xiria deberán sumar unha vitoria para manterse na loita polo título, enfronte un rival descoñecido que ven de xogar en 2ª División con moi bos resultados. Para este encontro o Grupo Lemaco non poderá contar con Andrés Vila e Sergio Pombo por lesión.

Este tamén o domingo, ás 12:00, empeza a segunda volta da fase final infantil e o Garaysa Xiria recibe no pavillón Vila de Noia ao A.D. Carballal. O conxunto carballés que adestra pensando na súa progresión diaria, espera sacar ante o seu público a melloría alcanzada até o momento. O camiño a seguir para poder disputar os puntos en xogo é competir cada balón coma se fose o último. A pauta defensiva que se marque ao comezo, a recado será de vital importancia no devir do partido.  O mesmo día os infantís do Marmolería José Rey Xiria, viaxan a Viveiro, na disputa doutra xornada da Copa Deputación. Difícil partido a domicilio para os de Carballo, que se enfrontan a unha das defensas pechadas que menos goles encaixa; polo que imprimir un ritmo rápido ao partido é fundamental.  E os alevíns xogan a competición de balonmán 7 este sábado. O Xiria Telepizza Carballo recibe no pavillón Carballo Calero ás 10:30 ao EM Abegondo e  o LK Xiria viaxa a Novo Mesoiro para enfrontarse ao Ártabro ás 11:45.