Seguros Sueiro mantén a solidez ante o Chapela

Coas importantes baixas de Leti e Lara Hernández, o Seguros Sueiro afrontaba o partido ante un sempre difícil Chapela, que a pesar da súa escasa puntuación na fase ligueira, foi quen de pelexar cara a cara contra case todos os rivais da liga, acadando incluso o empate contra o Xiria na Fase de Clasificación.

Dende o inicio do encontro o Seguros Sueiro non deixou espazo a dúbidas, impoñéndose con claridade no marcador grazas a unha sólida defensa na liña de seis metros e o acerto de Sara, Duna e Lara na faceta ofensiva. O marcador de (5-1) no minuto 9 obrigou ás visitantes a unha chamada á calma e buscar alternativas no xogo.

Aínda que a primeira liña pontevedresa conseguiu esporádicamente penetrar nas defensas verdes, o tanteo mantívose a prol das locais durante toda a primeira metade, chegando ao descanso cunha cómoda vantaxe (18-11).

Na segunda metade o Xiria non lograba penetrar as defensas do Chapela, que tiñan clara a pauta a seguir para poder meterse no partido, traballando duro para que a diferenza non medrara. Con todo, o Seguros Sueiro mantivo o nivel defensivo e, aínda que houbo minutos de sequía, non permitiu que o Chapela se aproximara no electrónico a menos de cinco goles.  A continuación para extremos e o xogo con pivote foi a baza final que rompeu as liñas visitantes e disparou de novo a vantaxe ata o resultado final (32-22), que mantén ó Xiria na terceira posición da liga a dous puntos do Atlético Guardés.