Vitoria ante o líder do Goldie Xiria Carballo Turismo

O Balonmán Saeplast Cañiza visitaba a pista do CEIP Fogar, que ocolleu público por primeira esta tempada, no derradeiro encontro da primeira fase do campionato, co claro rol de favorito ó non ceder ningún punto dende que comezou a tempada, pero a vitoria quedou en Carballo con encontro excepcional das nosas.

O comezo do partido non foi do todo esperanzador para o Xiria, moi atascado en ataque e con erros claros de lanzamento que provocaron que nos primeiros 17 minutos tan só anotasen un tanto. Por contra, o Cañiza tampouco estaba cómodo, as nosas marcaron un ritmo defensivo moi elevado que resultou ser chave para o desenlace do encontro. As primeiras rotacións e un tempo morto co 1-6 no marcador facían xirar as tornas e provocaban a reacción das nosas que con rápidas accións de contraataque e un ritmo de xogo moito máis rápido conseguían chegar ó descanso cun resultado de 8-9.

A tónica xeral da segunda metade foi a igualdade entre ambos conxuntos, cun Xiria capaz de conter o poderoso ataque rival –cun promedio de máis de trinta goles por encontro– con bloque central moi sólido reforzado con presións impares continuas e coa gran actuación de Maura na portería; e, en ataque, compensando moi ben os esforzos e dosificando as forzas para romper o partido nos instantes finais.

O encontro decidiuse nos dez últimos minutos, ós que se chegaba cun electrónico de 17-18, aínda que cun Xiria físca e psicolóxicamente máis enteiro e sen nada que perder. O parcial final de 6-2 cunha actuación sobreínte da primeira liña –Minia, Alba e Juana– permitiu que o único equipo invicto da categoría deixase os puntos en Carballo co resultado de 23-20.

A pesar de formidable vitoria, as nosas acaban no quinto posto desta fase e pasan á seguinte encadradas con dous bos equipos como son o Millaven Centro Jardín CP. Lucense e co Gescolor Bueu Atlético Balonmán, co obxectivo claro de gañar os dous encontros e clasificarse coma primeiras de grupo.

 

GOLDIE XIRIA CARBALLO TURISMO 23 (8-15)

13. Minia Calvo (4), 6. Aida Vizcaíno (1), 21. Maura Fernández (p), 28. Marta Gómez (2), 27. Lara Otero (2), 24 Sheila Ferreiro, 10. Tamara Pombo (3), 1. Nadia Vázquez (p), 19. Alba Rodríguez (2), 26. Raquel Gómez (5), 23. Elena Segade, 7. Mina Ribullen (1), 14. Jessica Posse, 2. Juana Garrochena (3).

BALONMÁN SAEPLAST CAÑIZA 20 (9-11)

7. Carla Abad (1), 46. Pamela Arca (p), 15. Ana Orge, 3. Sara Carril (2), 1. Alexia Penabella (p), 19. Olalla Penabella (4), 11. Maria Montero (1), 10. Alba Afonso (5), 31. Alejandra Carballo (2), 24. Emma Pérez, 4. Ana Rodríguez (1), 18. Lucía Afonso (2), 33. Laura González, 8. Iria Gómez, 16. Sofía Álvarez (2).