Alevíns e benxamíns fan gozar á afección na xornada de minibalonman

O sábado pola mañá no colexio Alca de Santiago, os benxamíns do Oak English Centre Xiria xogaban contra o Ribadosar e conseguían unha vitoria por 6-2, nun partido en que os carballeses foron os dominadores.
Despois, xogaron as alevíns do Punta del Este Xiria contra o Alca e non eran capaces de levar ningún do catro cuartos, perdendo así 8-0. A dureza defensiva permitida aos de Alca, con continuos agarróns e cortando o xogo de ataque das carballesas facían imposible levar algún punto este partido.

Despois os alevíns do LK Xiria vían suspendido o seu partido contra o Ribadosar pola humidade da pista.

Xa pola tarde no pavillón Fogar en Carballo, xogaban primeiro as alevíns do Marmolería Jose Rey Xiria contra os de Telepizza Carballo Xiria. Vitoria moi axustada por 2-6 a favor de Telepizza Carballo. Salvo no segundo cuarto que os de Telepizza impuxéronse con comodidade, nos outros tres a igualdade e a rivalidade foi máxima, e o público carballés presenciou un excelente partido.

Inmediatamente despois, os benxamíns do Laber Xiria e Grupo Lemaco Xiria deleitaronnos cun partido vibrante co resultado de 4-4, no que cada equipo conseguiu gañar dous cuartos con marcadores moi axustados que se decidiron por pequenos detalles.