BALONMÁN CANGAS 27 – CALVO XIRIA 38

LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 1
23/09/2012 BALONMÁN CANGAS 27 – CALVO XIRIA 38
Bm. Cangas 27 (9+18): David [p], Eloy (5), Iván, Menduiña (5), Manuel (4), Hugo (2), Adrián (3) -equipo inicial- Aaron [p], Óscar, Pepe (1), Cristian (1), Fabián (5), Veloso (1)

Calvo Xiria 38 (21+17): Kike [p], Ramón, Alex (1), Jesús (4), Sergio (5), Chimpo (8), Manu (5) -equipo inicial- Iago [p], Gonzalo (1), Pablo (9, 4 de 7 metros), Ángel, Dubra (2), Brais (2), Martín (1).

Colexiados: Martín Rodríguez Mondelo e Daniel Portela Fernánde do colexio galego. Excluíron aos locais Iván (12´), Fabián (21´), Manuel (25´), Hugo (47´), Veloso (49´) e Cristian (53´), tamén aos xogadores visitantes Alex (17´), Martín (28´), Sergio (36´), Brais (37´), Ramón (39´), e Ángel (50´).

Marcador: 3-2, 4-6, 5-12, 7-13, 7-17, 9-21 (descanso); 14-24, 16-27, 18-27, 18-30, 22-35, 27-38 (final).

7 metros: Bm. Cangas: 3 / 4 ### Calvo Xiria: 5 / 6
Con baixas e altas: entre as primeiras Alex Zas, Christophe, David e Miguel e entre as segundas, Chimpo logo dun ano inédito por mor dunha lesión, Gonzalo, a volta de Jesús logo da súa estadía en Dinamarca por mor de estudos, Mario -que non foi da partida nesta ocasión, e a aportación dos xogadores do equipo xuvenil -neste caso foi o debut de Martín-, chegaban os carballeses a este inicio ligueiro, para xogar ante o Bm. Cangas. Filial do conxunto de ASOBAL da península do Morrazo.

Logo dunha pretempada na que diferentes circunstancias impediron desenvolver todo o traballo que os carballeses desexarían ter feito, mais con toda a ilusión posta nunha campaña marcada polas fichaxes feitas por algúns equipos coa clara intención de acadar o ascenso de categoría e que semella vai ser moi dura, o Calvo Xiria desprazábase ata o Pavillón Municipal do Gatañal.

No pavillón cangués, durante trinta minutos, dous xogadores desequilibraron o encontro, Kike baixo os paus e Chimpo conquerindo un e outro gol de xeito continuado. A aportación do gardamallas Kike foi fundamental, trinta minutos de inspiración fixeron que os lanzadores cangueses encolleran os brazos e non fosen quen de rematar as ocasións que conseguían logo de moito traballo ante a defensa carballesa na que con moitas axudas cerrábanse os ocos. E Chimpo facendo valdío todo esforzo por manterse no encontro por parte local, tendo moita claridade nas accións ofensivas.

A segunda metade foi un mero trámite. O Cangas intentou cunha defensa moi abafante meterse no partido, e coa baixada de intensidade do Calvo parecía que podía conseguilo. Foi suficiente un tempo morto para retomar o nivel dos primeiros minutos e logo de levar a diferenza ata os quince goles o Xiria decidiu botar o freo e deixar pasar os dez minutos finais, coa cabeza posta xa no seguinte partido.

O Chapela será o próximo rival, un dos equipos que se reforzou co claro obxectivo de acadar a primeira praza na liga regular. Será no Pavillón Municipal Vila de Noia, o sábado ás 18:00 horas.