CALVO XIRIA 34 – MAGOPE SEIS DO NADAL 25

15/03/2008 CALVO XIRIA 34 – MAGOPE SEIS DO NADAL 25
Calvo Xiria (16+18) 34: Quique, Pablo (4), Cuco (5), Roberto (6), Fernando Vázquez (3), Cristophe (2) e Bruno (4) –equipo inicial- Iago, Sebastián (3), Chimpo (7), Pombo, Álex, Jesús e Manuel.
Magope Seis do Nadal (12+13) 25: Nani, Simón (1), Alejandro (1), Denís (3), Joserra (3), Zambra (1) e Marcos (3) -equipo inicial- David, Miguel (6), Samu (3), Alex (2), Pablo (2), Andrés e Rebolo.
Árbitros: Marcos Pérez e Vanesa Pérez. Os colexiados amosaron personalidade pero non foi unha boa arbitraxe, con erros claros para uns e outros. Non influíron no resultado final.
O Calvo Xiria tampouco atopou resistencia no Seis do Nadal e deu un paso importantísimo para poder xogar a promoción de ascenso a Primeira Nacional. O equipo de Marcos Rodríguez encarámase á segunda posición da tabla clasificatoria, ao conseguir o seu noveno triunfo consecutivo, e xa depende de si mesmo para acadar o subcampionato.

O duelo entre segundo e terceiro clasificado, coa promoción de ascenso en xogo, non defraudou. Os dous adestradores poñían en liza os seus setes de gala para afrontar o partido máis importante do ano, nun pavillón carballés que respondía á cita coa mellor entrada da temporada. A igualdade reinou durante toda a primeira parte. Ambos conxuntos alternaban pequenos parciais que impedían o despegue de ningún no marcador. Quique e Nani, nas dúas porterías, asumían bastante protagonismo nuns minutos iniciais no que a tensión se palpaba en cada xogada. Foi o conxunto de Marcos Rodríguez o primeiro en golpear e, grazas á defensa sobre a primeira liña olívica, conseguía adquirir rendas que oscilaban entre os dous e tres goles. Un par de exclusións consecutivas dos locais propiciaban a reacción dun Seis do Nadal que, grazas á aportación fundamentalmente dos estremos, conseguía deixar o marcador nun 13-12 con cinco minutos por xogar. O Calvo Xiria volveu apretar o acelerador e, cun parcial de 3-0, deixaba o definitivo 16-12 co que se chegaba ao descanso. A boa defensa sobre Zambra restaba ideas a un Seis do Nadal que, pese a todo, soubera aguantar as embestidas do Xiria para seguir tendo opcións ao triunfo. A aportación de Quique e Cuco volvía ser decisiva nunha primeira parte moi intensa e na que o equipo de Marcos Rodríguez volvía dar unha mostra de madurez importante, pese á xuventude da súa plantilla.

Tres goles case consecutivos de Fernando Vázquez, que errara os seus catro lanzamentos na primeira metade, comezaron a desnivelar a balanza a favor do Calvo Xiria na reanudación. Os carballeses foron incrementando pouco a pouco as diferenzas no marcador fronte a un Seis do Nadal no que Zambra seguía sen aparecer. Só Miguel, dende o estremo, daba sensación de perigo para o conxunto olívico. A boa defensa sobre a primeira liña rival permitía ao Calvo Xiria seguir correndo e, mediada a segunda parte, xa contaba cunha renda de seis goles (25-19) e a sensación de que ía ser moi difícil que lle arrebataran o triunfo. A concentración dos locais, intensos durante os sesenta minutos, daba poucas opcións a un Seis do Nadal no que o seu máximo estilete ofensivo, Zambra, marcaba o seu único gol a dez minutos para o final. Para entón, a renda do Calvo Xiria ascendía xa aos sete goles (27-20). O Seis do Nadal, aproveitando un par de exclusións dos locais, fixo un intento de aproximación cunha defensa presionante a toda cancha. Os visitantes chegaron a poñerse a cinco goles, pero todo quedou nunha simple anécdota. O Calvo Xiria soubo refacerse e volveu coller rendas superiores aos seis goles que lle fixeron xogar con máis tranquilidade os últimos minutos. Dúas exclusións consecutivas a Rebolo e Joserra, este por protestar, permitiron aos de Marcos Rodríguez incrementar a diferenza ata o 34-25 final. Sería inxusto destacar a un so xogador nas filas do Calvo Xiria. O equipo, desta vez, funcionou como tal. Todos os xogadores que participaron tiveron protagonismo na vitoria final. Dende as paradas de Quique ata a determinación que amosaron Chimpo e Roberto. A eficacia de Bruno, a dirección de Pablo, a defensa de Cuco e Cristophe ou a importancia dos tres goles de Sebastián na segunda parte. Todos sumaron, incluído o banquillo, para lograr un triunfo que pon a fase de promoción de ascenso a tiro. Quedan tres finais para que, definitivamente, o Calvo Xiria confirme o seu novo grao de xogo e madurez.