Comezo en Liga Ouro do Seguros Sueiro con dous puntos en Chapela

Despois de tan só dúas semanas dende o anterior cruce en Fase de Clasificación en Chapela onde rematou o partido cun empate grazas  ó lanzamento exterior de Lara Souto no derradeiro segundo, o Seguros Sueiro tivo que volver á mesma pista para buscar un novo desenlace, esta vez con puntos en xogo.

O sistema empregado polo Chapela non sorprendeu, xa que propuxeron a mesma estructura no encontro previo. A intensa defensa 6:0 con pouca profundidade e moi densa en zona centro impediu as penetracións da primeira liña carballesa, permitindo lanzamento exterior e ángulo para as extremos. Desafortunadamente a enorme cantidade de erros no lanzamento e a habilidade da porteira local ante segunda liña deixaron ó Seguros Sueiro por debaixo de 50% de acerto de cara a gol, chegando ó (10-8) no intermedio.

Na segunda parte ambos conxuntos incrementaron a intensidade e os intentos de contraataque, pero continuaban a primar as defensas fronte ós ataques mentres o marcador renunciaba a indicar un claro vencedor. A medida que pasaban os minutos, as locais amosaban síntomas de fatiga mentres que as rotacións no Xiria mantiveron os folgos do equipo.

No minuto 45 o electrónico amosaba o (16-15) favorable ás locais, pero os patróns repetitivos de ataque e o cansancio permitiron á defensa do Xiria ler as intencións do Chapela, pechando toda posibilidade de chegada a seis metros e interceptando os pases para saír á contra anotando de forma sinxela nun recital defensivo que bloqueou de forma rontunda as aspiracións das locais, acadando nos derradeiros 15 minutos o sorprendente parcial de 0-13 favorable ó conxunto de Bergantiños, deixando (16-28) como resultado final.

Un final de partido memorable onde todo o equipo tivo unha actuación moi sólida que foi reforzada polas axudas e a resolución dos 1×1 por parte de Marina e Leti, poñendo o broche final a un traballo defensivo para enmarcar.

Balonmán Chapela 16 – Seguros Sueiro Xiria 28

Balonmán Chapela (10+6): Izaskun Trigo (p), Paula Vila (2), Olaia Domínguez, Keila Samara, Paula Rodríguez (2), Martina Rey (1), Noa Sánchez (8), Luna Rodríguez, Noelia Álvarez, María Sio, Dora Pérez (3), Ainara Gabián

Seguros Sueiro Xiria (8+20): Carla B. Rodríguez (p), María Porteiro (p), Carla B. López (1), Nerea Varela (5), Lara Souto (9), Marina Rodríguez, Duna Barca (8), Sara Méndez (4), Leticia Santos (1), Carla Martínez, Clara Graña, Samrawit López

Árbitros: David Fernández e José Manuel Rivas