Seguros Sueiro non logrou dar a sorpresa

O conxunto xuvenil do Xiria non conseguiu vencer ó sempre difícil Cangas nun partido dominado polas visitantes dende os primeiros intres. As do Morrazo sortearon a defensa 6:0 con precisos lanzamentos exteriores e alta efectividade en ambos extremos, empregando por contra unha defensa anticipativa que dificultou o transporte do balón e propiciou perdas no Xiria. Pouco efecto tivo o tempo morto solicitado polas locais, que seguían vendo medrar as diferenzas de forma paulatina mentres se chegaba ó intermedio con dez tantos de diferenza (12-22).

Na volta á pista o Xiria foi quen de manter as distanzas no electrónico, atopando a liña de seis metros con máis claridade por medio das permutas de 1×1 ante unha defensa moito máis relaxada do Cangas. Sin embargo, cada perda de balón era castigada cun contraataque en primeira oleada que mantiña alto o reconto de goles e imposibilitaba calquera tipo de remontada.

A derrota no Vila de Noia (29-40) ante un dos favoritos na liga non sorprende pero é un duro golpe para o Seguros Sueiro na clasificación, que agora se atopa empatado a puntos co cuarto clasificado e ten por diante a cita en Vigo cun Carballal en liza co Cangas pola primeira praza e polo ticket do campionato de España.