TIRSO MOSTEIRO DE POIO 39 – CALVO XIRIA 42

09/02/2008 TIRSO MOSTEIRO DE POIO 39 – CALVO XIRIA 42
Tirso Mosteiro de Poio (19+20) 39: Alejandro, Andrés (9), Álvaro (3), Camilo (12), Javier (1), Alfonso (9) e Rubén -equipo inicial- Diego, Loureiro, David (3), Pablo (1), Ángel (1), Jesús e Fran.

Calvo Xiria (23+19) 42: Quique, Chimpo (10), Bruno (4), Cuco (4), Pablo (7), Fernando Vázquez (6) e Sebastián (9) –equipo inicial- Iago, Cristophe, Álex, Pombo, Roberto (1), Jesús (1) e Manuel .

Árbitros: Daniel Lago e José Carlos Fernández. Mal

O Calvo Xiria conseguiu a súa cuarta vitoria consecutiva ao dobregar ao Tirso Mosteiro de Poio en Ferrol. Non o tivo doado o conxunto de Marcos Rodríguez fronte a un rival moi motivado e ante uns colexiados excesivamente rigorosos, que sinalaron 22 exclusións (15 para o Xiria) nun partido de defensas inexistentes. Comezou ben o Calvo Xiria e pronto conseguiu marcar diferenzas claras ao seu favor, chegando a ser de 8 goles no ecuador da primeira parte (8-16). A velocidade nas accións de ataque e o acerto anotador de Chimpo permitían aos carballeses mandar comodamente no marcador, aproveitándose dos erros en ataque do seu rival. O conxunto ferrolá non se veu abaixo e soubo aproveitar unha páxara do Calvo Xiria no tramo final do primeiro acto para achegarse no luminoso. Un parcial de 10-4 posibilitaba aos locais volver a engancharse ao partido, logo de verse o Calvo Xiria moi mermado de efectivos polas numerosas exclusións que tivo nese momento do choque. Dous goles nos últimos segundos permitían aos carballeses enderezar o partido e marchar aos vestiarios cunha vantaxe de catro goles (19-23)

Tivo o Calvo Xiria que lidiar na reanudación coa laboura arbitral, que permitiu ao Tirso manterse no partido xogando moitos minutos cun xogador máis en pista. Outro parcial de 10-4 permitía aos locais poñerse cunha vantaxe de dous goles (29-27) e deixar contra as cordas a un Calvo Xiria que, a pesar da arbitraxe, non facía nada en defensa por evitar o bo facer de Alfonso no pivote e de Camilo dende o extremo. Os dous xogadores locais, coa colaboración de Andrés na primeira liña, bastábanse para meter o medo no corpo aos carballeses e facer perigar unha vitoria que, na primeira metade, parecía clara. Soubo repoñerese o equipo de Marcos Rodríguez ás adversidades e, máis por accións individuais que por xogo de conxunto, conseguiu chegar aos últimos minutos co marcador igualado (35-36). Sebastián, Cuco e Chimpo xogaron un papel determinante neses instantes e o seu acerto anotador permitiu ao Calvo Xiria coller unha pequena vantaxe ante a que xa non se puido repoñer o Tirso. O desgaste físico da remontade pasoulle factura aos locais no tramo final, que aproveitou un máis inspirado Calvo Xiria para gañar o partido e, ademais, recurtar dous puntos co segundo clasificado, Seis do Nadal.