Volve o balonmán

Escolas Balonmán Xiria retoma as competicións esta fin de semana.
O primeiro en entrar en liza, o sábado ás 18:00 no Vila de Noia, será o Calvo Xiria que disputa o derradeiro partido da primeira volta ca idea de facerse cos dous puntos ante o penúltimo clasificado, Lavadores. Non deberá de variar o seu xogo o conxunto carballés e de novo debería impor o seu ritmo, sobre todo xogando na súa pista. A convocatoria será unha verdadeira incógnita ate o derradeiro momento, pois son cinco os xogadores que non puideron adestrar ao longo da semana debido a procesos gripais, ao que se lle podería engadir algunha dificultade máis por mor de problemas laborais. No descanso do encontro farase unha homenaxe aos xogadores carballeses que veñen de representar a Galicia no Campionato de Seleccións Autonómicas que se ven de celebrar en Castellón do 2 ao 7 de Xaneiro.
Xogan os equipos da división de honra o domingo tamén no Vila de Noia, o rival de cadetes e xuvenís será o Bm. Ártabro mentres o de infantís será o Rasoeiro. O Grupo Lemaco Xiria tentará conseguir dous puntos para seguir no cuarto posto da clasificación, sen dúbida un lugar de privilexio para os de Xiria. O encontro disputarase ás 10:00 e Sergio Pombo en proceso de recuperación da lesión de xeonllo será a única baixa. Pola súa banda o Laber Xiria, segundo na táboa clasificatoria, defenderá este posto coa idea de manterse nos lugares altos. Será as 12:45 e terá como aliciente engadido, o estreo de Iván Campos no parqué carballés como medalla de bronce no recentemente finalizado campionato de España de seleccións autonómicas. Todos os efectivos estarán a disposición do técnico. E o Garaysa Xiria infantil xogará ás 11:15 horas ante un rival que os avantaxa en cinco puntos na táboa clasificatoria e que na primeira volta levouse os puntos logo de gañar por seis goles de diferenza. Terán que tirar os xogadores do Garaysa de moita intensidade e sobre todo concentración para acadar un resultado positivo. Tamén o Marmolería José Rey Xiria de categoría infantil territorial xoga esta fin de semana ante o Bm. Lucus, tentarán os carballeses, a pesares das baixas dos xogadores que quedarán en Carballo co equipo de división de honra, acadar dous puntos en terras luguesas.